mb4xocas.html
Xaquín
María Perfecto Lorenzo Fernández, "Xocas", naceu en 1907 na cidade de
Ourense, onde estudiou o bacharelato; máis tarde cursaría a carreira de
Filosofía e Letras nas Universidades de Santiago de Compostela e Zaragoza
(cidade á que se dislocaría por causas políticas).
Entre 1926 e 1936 foi membro do Seminario de Estudos
Galegos e dirixiu o Museo Etnográfico de Santiago; nesa altura, sendo membro da
Irmandade Galeguista de Ourense, subscribiu o manifesto do Partido Nazonalista
Repubricán, xunto con Risco,
Otero
Pedrayo, Peña Rey e Cuevillas, entre
outros, e posteriormente ingresou nas filas do Partido Galeguista. Após a
guerra, o Ministerio de Educación Nacional nomeouno mestre interino do curso de
Xeografía e Historia do Instituto de Ourense. Xocas compaxinaría desde ese
momento a docencia coa arqueoloxía.
Considerado mestre da etnografía galega, principiou en
1950 un estudo de campo intitulado Etnografía. Cultura material
(1962) que constituíu o segundo volume da Historia de Galiza, edición
dirixida por Otero Pedrayo.
Durante a súa vida o etnógrafo realizou un importante
traballo de catalogación e escavación de restos castrexos: castros de Cameixa,
Cabanca, de Terra de Lobeira e de Castromao; neste último traballou con Ferro
Couselo até 1980, ano en que proseguiu en solitario as exploracións.
O galeguista ourensán editou máis dun cento de
artigos sobre etnografía, arqueoloxía e historia en diversas publicacións:
Revista Nós, Boletín da Real Academia Galega, Cadernos de Estudios
Galegos, Boletín Auriense e outras de fóra de Galiza; alén disto, deu á
luz varias monografías: Cantigueiro popular da Limia Baixa (1973), A
casa (1982), O Mar e os Ríos (1982), A Nosa Señora do Viso (1983),
Os oficios (1983) e Refraneiro Galego (1983).
Formou parte da portuguesa Sociedade de Antropologia e
Etnologia, patrón do Museo del Pueblo Español de Madrid, correspondente da
Associação dos Arqueólogos Portugueses e da Real Academia da Historia. En
1951 ingresou na Real Academia Galega. O seu discurso de ingreso, "La casa
gallega", ficou inédito, e a contestación correu a cargo de Ramón Otero
Pedrayo.
Numerosas distincións fóronlle concedidas en vida.
Pódense destacar a Encomenda de Alfonso X o Sabio polo seu traballo docente, ou
o Premio "Otero Pedrayo". Foi tamén elixido Presidente do grupo
"Marcelo Macías" de colaboradores do Museo e o Arquivo provinciais de
Ourense, Conselleiro do novo Seminario de Estudios Galegos, Presidente de Honra
do Padroado do Pedrón de Ouro e Corista de Honor da Coral de Ruada. A
Deputación de Ourense nomeouno en 1983 fillo predilecto da provincia. Tamén se
lle outorgaron, entre outros, o Premio "Trasalba", e en 1984 a Xunta de
Galicia concedeulle a Medalla Castelao.
Xaquín Lorenzo Fernández morreu en 1989 na súa casa
de Facós, en Lobeira. Nas súas disposicións testamentarias deixou o seu
legado intelectual ao Museo do Pobo Galego.
|