Ferro Couselo. html
O investigador e
ensaísta Xesús Ignacio Ferro Couselo viu a luz en Santa Comba de Louro (máis
coñecida por Cordeiro), pertencente ao concello pontevedrés de Valga, en 1906.
Entrou no seminario compostelán en 1918, e, tras simultanear estes estudos cos
de Filosofía e Letras na sección de Historia, conseguiu doutorarse na
Universidade Pontificia. Nesta altura o Ferro Couselo universitario, moi
interesado pola prehistoria (o influxo do seu tío Xosé Couselo Bouzas,
arqueólogo e historiador, resultaría determinante na súa traxectoria), faría
relación cos membros da xeración do Seminario de Estudos Galegos, decidindo non
continuar coa carreira eclesiástica. En 1931, ao tempo en que principiaba o
seu traballo como profesor nun colexio vigués, comezou a colaborar na revista
Logos (de ideoloxía galeguista e cristiá) e participou en Pontevedra na
fundación do Partido Galeguista. Transladado en 1935 como profesor interino ao
instituto de Tui, creou nesta vila a revista Tude (que el mesmo
dirixiría) coa colaboración dos irmáns Álvarez Blázquez, alumnos seus. Un ano
depois foi elixido vicepresidente das Mocedades Galeguistas, mais, co obxecto de
preparar as oposicións, tivo que establecerse en Madrid, onde o sorprendeu a
sublevación militar. Ficou na capital española durante o conflito, traballando
con diferentes entidades (a CNT, Patrimonio, Cruz Vermella) e formando parte das
Milicias Populares Galegas da Frente Popular. Unha vez finalizada a guerra e tras
gañar unha praza no corpo facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e
Arqueólogos, retornou a Galiza e instalouse en Ourense. Nesta cidade realizou un
valiosísimo labor en defensa do noso patrimonio histórico e artístico, como
director do Museo Arqueolóxico Provincial (xestionou a súa ubicación no palacio
episcopal e acrecentou considerabelmente os seus fondos); iniciou tamén a
publicación do Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense (1943-1953) e
do Boletín Auriense (1972-1981). Na súa faceta de animador cultural destaca o
seu papel na fundación en 1950 da revista Posío. Arte y Letras e anos
máis tarde, en 1967, da Asociación Cultural Auriense. Tamén traballou como
arqueólogo, partillando excavacións con Xaquín
Lorenzo. En 1951 accedeu á Real Academia Galega
(desde onde apoiou en 1963 a iniciativa de Fernández del Riego para instituir o
dezasete de maio como Día das Letras Galegas) e un ano despois, en 1952,
publicou a súa tese de doutoramento, dirixida por Armando Cotarelo
Valledor,
baixo o título de Los petroglifos de términos y las insculturas
rupestres. Aínda que publicou en
galego e español diferentes artigos históricos, etnográficos, artísticos e
lingüísticos en xornais e revistas (Logos, Compostellanum, La Noche, Fin de
Semana, La Región, a revista portuguesa Bracara Augusta), a súa
única obra editada en volume será A vida e a fala dos
devanceiros (recompilación de textos dos séculos XIII e XIV), que Galaxia
en cuxa fundación participara deu a coñecer no ano 1955. Ferro Couselo faleceu na cidade das
Burgas en 1975, sendo enterrado na súa aldea natal. O Día das Letras Galegas de
1996 dedicouse á súa homenaxe.
|