| mb2rosalia.html     Xosé Manuel Beiras 
Torrado naceu en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936. En 1957 licénciase 
en Dereito na súa cidade natal e matricúlase na Faculté de Droit et des Sciences 
Economiques na Sorbonne (París), estudando tamén Literatura e Lingua francesas 
na universidade parisina. En 1960 impartirá o primeiro curso de Economía 
Política na Facultade de Dereito na Universidade de Madrid. Un ano despois, 
continúa os seus estudos sobre ciencias económicas na London Economics School. 
En 1966-67 a Fundación March outórgalle unha bolsa de estudos que lle permite 
realizar un curso de especialización avanzada e investigación con François 
Perrou no Institut de Science Economique Apliquée de París, para en 1968 facerse 
cargo da Cátedra de Estruturas e Institucións Económicas da Falcultade de 
Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, da que será 
decano por primeira vez en 1982.A publicación de obras como El problema del desarrollo en la Galicia 
rural  (1967), -polo que recibe o Premio da Casa de Galiza de NY-, 
Estructura y problemas de la población gallega (1970) ou O atraso 
económico da Galiza (1997) significan a súa consolidación como analista 
económico de innegábel prestixio. A súa sólida formación e inquedanzas culturais 
lévano, ao carón de Xaime Isla Couto, á promoción das coleccións "Agra Aberta" e 
"Enquisa", a dirixir a colección "Alén-Nós", entre moitas outras actividades, 
como a tradución ao noso idioma de obras de Jean Giradoux, Jean Anouilh, Camus (Lettres 
á un ami allemand) ou o seu labor como columnista no xornal Galicia Hoxe.
 Mais o compromiso de Beiras con Galiza excede por demais 
o ámbito dos estudos económicos e da súa importante actividade cultural, para 
pasar á esfera da actuación política. Xosé Manuel Beiras asume o nacionalismo 
dos máis-vellos (fundamentalmente Alexandre Bóveda), e a súa cosmovisión do 
marxismo ultrapasa os formulamentos e metodoloxía científica para se converter 
en compromiso político con Galiza, sen condicións de ningún xénero. En 1963, na 
clandestinidade, funda o Partido Socialista Galego (PSG), asumindo o cargo de 
secretario xeral en 1971, ao que renunciará en 1977, após non acadar ningún 
escano na lista da provincia da Coruña que encabezaba. Así, non será até o 24 de 
novembro de 1985 que se produza o seu primeiro éxito electoral, data en que 
consegue os votos suficientes para acceder ao parlamento da Galiza. En 1993 o 
seu grupo parlamentario (BNG) pasa de 5 a 13 escanos, e en 1997 este 
crecemento consolídase, xa que o BNG acada os 18 deputados, converténdose na 
principal forza da oposición. Non obstante, a partir de 2001 iníciase unha 
tendencia caracterizada por unha perda progresiva de votos no grupo político de 
que é Portavoz Nacional, presentando finalmente a súa demisión o 11 de abril de 
2005 como presidente do Consello Nacional do BNG e a súa renuncia a formar parte 
das listas electorais do seu partido á Xunta da Galiza. A súa traxectoria e 
arela incesante dunha patria non expoliada, convertérono nunha das figuras máis 
respectadas e controvertidas do noso tempo.
   |