vb3xosemiranda.html
Naceu en Lugo, moi preto
da muralla, nun chalé que xa non existe, nos últimos días de 1955. Medrou nun
barrio a medias obreiro, con moitos espacios aínda sen edificar, e grandes
prados, hortas e chousas. Xogou moito ó aire libre cos seus amigos e leu
algúns libros e tebeos. Licenciouse en Bioloxía na Universidade de Compostela,
en 1978. É profesor de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Xoán Montes da súa
cidade natal. Desde neno escribiu versos. Proximamente editará As cidades
mergulladas. Poesía reunida (1973-2002). En 1988 comezou a escribir prosa,
relatos e novelas para adultos. Tén dous fillos. Para eles escribiu algúns
libros do que se deu en chamar literatura infantil e xuvenil. No 2002, con 44
anos, atreveuse a publicar libros para nenos, como Lúa e os nubeiros,
Feitizo, Aventuras do coello Federico, Ariadna e Pel de lobo. É
especialista en literatura de tradición oral. Xunto a Antonio Reigosa e
Xoán
R. Cuba publicou moitos libros de contos populares galegos, dirixidos a un
público infantil, reunidos na colección 'Cabalo buligán', da que é
codirector, así como o Diccionario dos seres míticos galegos, a Pequena
mitoloxía de Galicia, os Contos colorados, narracións eróticas da
tradición oral e o recente Cando os animais falaban.
|