vb1neiravilas.html
Xosé
Neira Vilas naceu en novembro de 1928 en Gres (Vila de Cruces),
Pontevedra. En 1949 emigra a Buenos Aires, onde desempeña
traballos diversos. Realiza estudios de comercio, música,
xornalismo, literatura. Toma conciencia da identidade de Galicia,
en contacto, sobre todo, cos intelectuais do exilio: Luís
Seoane, Rafael
Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo
Varela,
Ramón de Valenzuela. Desenvolve un intenso activismo cultural
galego. Secretario Xeral das Mocedades Galeguistas e co-director
do periódico Adiante. Participa na comisión
organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega. Casa en
1957 con Anisia
Miranda, cubana. Xuntos fundan a organización
libreiro-editorial "Follas Novas" para difundir o libro
galego en América. Publica en 1960
o poemario Dende lonxe, e en 1961 a novela Memorias
dun neno labrego. Nese mesmo ano, 1961, Neira e Anisia van
residir a Cuba. Traballa na Administración e fai xornalismo
literario. En 1969 funda a Sección Galega do Instituto de
Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vintedous anos.
Dende 1983 ata que se xubilou, desempeñouse como redactor-xefe
da revista infantil Zunzún. Nos trinta e un anos que
viviu en Cuba escribiu a maior parte da súa obra literaria. Na
Arxentina e en Cuba fixo investigacións sobre a presencia da
emigración galega neses e noutros países de América, e deu a
coñecer diversos libros arredor do tema. Radicouse, con Anisia
(escritora e xornalista) en Gres, na aldea natal, onde preside a
Fundación cultural Xosé Neira Vilas.
Foi investido Doutor Honoris Causa
pola Universidade da Coruña. É membro numerario da Real
Academia Galega. Premio da Crítica Española (narrativa) e
Premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgadas as
medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas.
Parte da súa obra foi traducida a outras linguas.
Fundación Xosé Neira Vilas
|