vb2xpardodeneyra.html
Xulio Pardo de Neyra,
lucense e galego de nación, viu a primeira luz na cidade dos muros romanos, a
vella fraga céltica sagrada de Lugo, en 1968, un ano emblemático para a cultura
e a política europeas. O día do seu nacimento, amais, celebrábase o centenario
da expulsión da ex-raíña española Isabel II. Actualmente, malia que despois de
sufrir unha penosa emigración intelectual tan pouco favorecente para o país,
unha emigración que durante seis anos o levou a desenvolver a súa actividade
profisional na Estremadura española, aínda que traballando arreo pola
literatura, a cultura e a política galegas, é profesor da Universidade d'A
Coruña, unha Universidade marítima, é dicer aberta, e en constante diálogo con
calquer tipo de manifestación intelectual. Nesta Universidade intégrase no
Departamento de Didácticas Específicas, adscrebéndose á Área de Didáctica da
Lingua e a Literatura.
Licenciado en Filoloxía pola Universidade de
Compostela, en 1999 defendeu a súa Memoria de Licenciatura no Departamento de
Filoloxía Galega da referida Universidade, Ánxel Fole: pazos e nacionalismo,
un groso traballo dirixido por
Anxo Tarrío Varela que acadou a máxima
cualificación por unanimidade do tribunal que o xulgou. Trátase dun traballo
parcialmente publicado por Tórculo Edicións. En 2002 defendeu a súa Tese de
Doutoramento en Filoloxía Galega, tamén dirixida polo devandito profesor no
citado Departamento e que, así mesmo, mereceu a cualificación de Sobresaliente
cum laude por unanimidade. O traballo, titulado Evaristo Correa
Calderón na literatura galega contemporánea. Vangardismo e galeguismo, foi
publicado pola Universidade de Compostela. Ao ano seguinte defendeu a súa segunda Tese de Doutoramento, esta
vez en Historia Contemporánea. O traballo, Tradición e actualidade do heroe
cabaleiresco masculino nas lendas familiares galegas. Mito e realidade histórica
á vista dos documentos da literatura galega contemporánea, agora dirixido
polo prof. Ramón Villares Paz no Departamento de Historia Contemporánea e de
América da Universidade compostelá, tamén obtivo a máxima cualificación por
unanimidade, vendo a luz tamén mercé ao Servizo de Publicacións da Universidade
Compostelá.
Desde a adolescencia colaborou coa prensa escrita
galega, publicando o seu primeiro libro, unha biografía de Gustavo Freire, en
1988, aínda non cumpridos os vinte anos. En 2008, mais cun selo filolóxico, a
editora pontevedresa Dos Acordes deu á luz o texto Gustavo Freire na Galiza
da Época Nós, onde se recollían parte das teimas de 1988 mais do ponto de
vista da Filoloxía, a Historia, a Música e a Didáctica galegas. Desde aquel
1988, nunca cuase imparábel dedicación e entrega, publicou numerosos artigos de
investigación e participou en moitos congresos internacionais, así como deu á
luz perto dunha trintena de libros, entre os que convén citar Lugo: Cultura e
República, Evaristo Correa Calderón, Ánxel Fole: Pazos e
nacionalismo, O labor lírico do ilustrado cura de Fruíme,
Vanguardia Gallega ou o compromiso xornalístico lucense coa II República
Española, As orixes da literatura infantil galega, Fidalguía e
cultura palaciana na Galiza do último milenio, Martin de Padrozelos, o
primeiro trobador da lírica galego-portuguesa? ou A introdución do
vangardismo na literatura galega, por pór uns exemplos.
Pertence á asociacións como a AS-PG, Gálix, a SEDLL, a
SELICUP ou a ANILIJ, entre outras.
|