vb1yolandacastaño.html
Debo tasar a dose exacta
de memoria e esquezo.
O que interesa son os meus pasos.
Coma un bosque de símbolos do que a miña ignorancia é
significativa.
Son eu na cripta e o meu nome dentro debuxado de tiza.
Habitacións concéntricas.
A poesía será elástica, líquida.
Por encima disto os alicerces son parcos, bastos, e puros.
Que bipolaridades tradicionais esgarecen: o pensamento simbólico
integrado no
pensamento irónico, tradición asumida dende a modernidade, a
experiencia comunicada
dende o silencio ou a emoción con
intelecto.
Algo máis que comunicación
estética, algo máis que a escura liña entre a que me quero
nacer e a que se mata, algo
máis que arquitectura e algo máis que sentimento. Máis que
unha forma de coñecimento
e expresión na que os mecanismos racionais se sustituen por
outro algo. Pero os alicerces
son puros, parcos, e bastos. E era preciso cegos lanzarse, negar
que todo esté escrito.
A ver se a cuestión vai ser
aborrecer tanta literatura por vermos se de tanta ruina
pode nacer calquera criatura medianamente
inocente. Prefiro, en todo caso,
pescudar nos segredos da pedra antes que estudiar o que fixeron
outros canteiros. Por
complicado que sexa ("¿cómo aproximar a man cun
coitelo ó teu peito, meu amor?").
Falo de crear.
Creo con frecuencia que a poesía é ese exercicio máxico no que
se opera sempre coa
periferia. É aniquilar a capital denotativa e
ser
os arrabaldos do signo.
Pero trátase sempre da dúbida. De non deixar de buscar. Aínda
que se atope.
Fóra diso os alicerces son parcos, bastos e puros. Desenfoco o
accidente cando penso
neles con fe. Superan toda circunstancia. E a poesía será
elástica,
líquida, balsámica.
Pero que a miña intelixencia non compre o meu sentido. Nin quero
que o meu corpo sexa escravo do meu corpo. El non fala idiomas,
posúe a verdadeira linguaxe. Sabe
do poderoso fondo desta forma.
O tacto, o privilexio, as ganas de tirarse.
*A foto é de Antón Sobral.
web da autora
|