Álvaro Cunqueiro

(1911 - 1981)

 

 
Obras
Biografía
 
mb2acunqueiro.html

     Álvaro Cunqueiro Mora naceu en Mondoñedo en 1911. Na botica do pai tivo a oportunidade de entrar en contacto coas historias e cos tipos populares do país. En 1922 transladouse a Lugo para cursar o Bacharelato, e despois a Compostela para estudar Filosofía e Letras, onde se decantou polas tertulias e as lecturas antes do que polas aulas. Descubriu así a obra de autores como Yeats, Rilke, Breton, Verlaine e outros vangardistas que deixarán pegada nos seus primeiros poemarios. Nas tertulias do Derby e do Español coincidirá con García-Sabell, Torrente Ballester, Carvalho Calero, Luís Seoane, Maside, Colmeiro e moitos outros integrantes do movemento artístico compostelán. Estes contactos estimularon a Cunqueiro a tomar consciencia do país e da lingua. De volta en Mondoñedo, participou no movemento editorial dos anos trinta promovendo a aparición de varias publicacións (Papel de color, Galiza, Editorial Un...) inseridas no ambiente vangardista da época. Na liña vangardista publicou os poemarios Mar ao Norde (1932), Cantiga nova que se chama Ribeira (1933) e Poemas do si e do non (1933).
     Afiliado á Falanxe desde 1937, Cunqueiro exerceu de mestre en Santa Marta de Ortigueira e de periodista en Vigo, Donostia e Madrid. En 1944 o réxime retiroulle o carné de xornalista e voltou a Mondoñedo. Comezou neses anos a súa andaina como narrador galego: novelas (Merlín e familia i outras historias, As crónicas do Sochantre e Si o vello Sinbad volvese ás illas) e libros de relatos (Escola de Menciñeiros, Xente de aquí e de acolá...). Tamén retoma a escrita de pezas dramáticas, como O incerto señor Don Hamlet Príncipe de Dinamarca (1958). Ingresou na Real Academia Galega en 1961, ano en que fixou a súa residencia na cidade olívica para traballar no xornal Faro de Vigo.
     Desde 1978, en que gaña unha bolsa vitalicia da Fundación Pedro Barrié de la Maza, e até a súa morte en 1981, sucedéronse as homenaxes: Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela, Pedrón de Ouro do Patronato Rosalía de Castro, homenaxe pública en Vigo...
     A superación do concepto tradicional dos xéneros, a intertextualidade e coherencia do seu universo literario, a recreación de figuras e mitos, o tratamento do elemento popular e a incorporación de técnicas propias da oralidade serán os trazos que identifiquen a produción do multifacetado escritor, nunha magna obra que conforma un corpus inzado de coñecementos etnográficos, plásticos, musicais, filolóxicos e literarios. O seu extraordinario testamento poético ficou recollido baixo o título de Herba aquí ou acolá (1980).

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega