mb2acunqueiro.html
Álvaro
Cunqueiro Mora naceu en Mondoñedo en 1911. Na botica do pai tivo
a oportunidade de entrar en contacto coas historias e cos tipos
populares do país. En 1922 transladouse a Lugo para cursar o
Bacharelato, e despois a Compostela para estudar Filosofía e
Letras, onde se decantou polas tertulias e as lecturas antes do
que polas aulas. Descubriu así a obra de autores como Yeats,
Rilke, Breton, Verlaine e outros vangardistas que deixarán
pegada nos seus primeiros poemarios. Nas tertulias do Derby e do
Español coincidirá con García-Sabell, Torrente Ballester,
Carvalho Calero, Luís
Seoane, Maside, Colmeiro e moitos outros
integrantes do movemento artístico compostelán. Estes contactos
estimularon a Cunqueiro a tomar consciencia do país e da lingua.
De volta en Mondoñedo, participou no movemento editorial dos
anos trinta promovendo a aparición de varias publicacións (Papel
de color, Galiza, Editorial Un...) inseridas
no ambiente vangardista da época. Na liña vangardista publicou
os poemarios Mar ao Norde (1932), Cantiga nova que
se chama Ribeira (1933) e Poemas do si e do non (1933).
Afiliado á Falanxe desde 1937,
Cunqueiro exerceu de mestre en Santa Marta de Ortigueira e de
periodista en Vigo, Donostia e Madrid. En 1944 o réxime
retiroulle o carné de xornalista e voltou a Mondoñedo. Comezou
neses anos a súa andaina como narrador galego: novelas (Merlín
e familia i outras historias, As crónicas do Sochantre
e Si o vello Sinbad volvese ás illas) e libros de
relatos (Escola de Menciñeiros, Xente de aquí e de acolá...).
Tamén retoma a escrita de pezas dramáticas, como O incerto
señor Don Hamlet Príncipe de Dinamarca (1958). Ingresou na
Real Academia Galega en 1961, ano en que fixou a súa residencia
na cidade olívica para traballar no xornal Faro de Vigo.
Desde 1978, en que gaña unha bolsa
vitalicia da Fundación Pedro Barrié de la Maza, e até a súa
morte en 1981, sucedéronse as homenaxes: Doutor Honoris Causa
pola Universidade de Santiago de Compostela, Pedrón de Ouro do
Patronato Rosalía de Castro, homenaxe pública en Vigo...
A superación do concepto
tradicional dos xéneros, a intertextualidade e coherencia do seu
universo literario, a recreación de figuras e mitos, o
tratamento do elemento popular e a incorporación de técnicas
propias da oralidade serán os trazos que identifiquen a
produción do multifacetado escritor, nunha magna obra que
conforma un corpus inzado de coñecementos etnográficos,
plásticos, musicais, filolóxicos e literarios. O seu
extraordinario testamento poético ficou recollido baixo o
título de Herba aquí ou acolá (1980).
|