Agustín Fernández Paz

(1947 - 2016)

 

 
Obras
Autobiografía
 

    Agustín Fernández Paz naceu en Vilalba (Lugo), no ano 1947. Perito Industrial Mecánico; Mestre de Ensino Primario; Licenciado en Ciencias da Educación; Diplomado en Lingua Galega. Na actualidade, é profesor de Lingua e Literatura Galegas no IES Os Rosais 2, de Vigo.
    Traballou como profesor de EXB en diferentes Centros escolares. Entre 1988 e 1990 foi membro do Gabinete de Estudios para a Reforma Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, formando parte do equipo de Lingua que preparou os Deseños Curriculares para as etapas de Primaria e Secundaria. De 1990 a 1995, traballou como Coordinador Docente de Galego. É membro da Ponencia de Lingua do Consello da Cultura Galega e asesor do Programa SOL, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez.
    Desde mediados dos anos setenta estivo ligado aos movementos de renovación pedagóxica. Foi membro fundador dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega. Xunto con outros profesores/as, organizou diferentes eventos (Xornadas Municipais de Pedagoxía de Mugardos; Xornadas de Normalización Lingüística de Nova Escola Galega, etc.) e participou na elaboración de numerosos materiais didácticos (os principais, detállanse na bibliografía).
    É autor de diversos traballos espallados por xornais e revistas (As Roladas, Cuadernos de Pedagogía, Revista Galega de Educación, CLIJ, Signos, TEXTOS, Revista Galega do Ensino (nesta última, levou durante varios anos a sección "O pracer de ler"), etc.). A maior parte dos mesmos xiran ao redor de temas como a normalización lingüística no ensino, a didáctica da lingua, a promoción da lectura, a literatura infantil e a introducción dos medios de comunicación nas aulas. Sobre estes temas impartiu numerosos cursiños e conferencias, tanto dentro como fóra de Galicia.
    Ademais dos premios correspondentes ó seu labor literario (Merlín, Lazarillo, Edebé Juvenil, Rañolas, Raíña Lupa, Protagonista Jove.) hai outros traballos seus que mereceron diferentes galardóns. Entre eles, cabe salientar o 1º premio dentro do "Concurso de Guións de Vídeos Didácticos" do Concello de Fene, cun traballo escrito en colaboración co historiador 
Bernardo Maiz e titulado Xan de Xenaro: memoria de 32 anos, sobre a vida dun guerrilleiro do "maquis" galego. Polo conxunto dos seus escritos sobre cómics concedéuselle, en 1992, o "Premio Ourense de Banda Deseñada". No ano 2001, os concellos da Terra Chá dedicáronlle o Día das Letras Chairegas.
    É un dos actuais directores da Colección "Merlín" de literatura infantil e xuvenil. Codirixiu, así mesmo, diversas series de materiais didácticos: Nobelos de Papel (para o ensino globalizado en galego no Ciclo Inicial), ¡Ámote, mundo!(para a Area de Experiencias) e as series de Lingua Galega, CANLES, LABIA LINGUA E.S.O.. A un destes libros,CANLES 5, concedéuselle o Premio Nacional "Emilia Pardo Bazán", instituído polo MEC, para libros de texto non sexistas.



Unha biografía


   AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) sempre di que unha das cousas que máis lle gustan neste mundo é que lle conten historias: de viva voz, nas páxinas dun libro ou dun cómic, na escuridade dun cine ou no brillo frío de calquera pantalla. E cando se lle pregunta ónde están as raíces deste seu amor polos mundos de ficción, a resposta que dá é que todas elas veñen dos anos da súa infancia: dos relatos de medo que escoitaba a carón do lume, nun tempo no que aínda non chegara a televisión; dos libros de aventuras que había na pequena biblioteca de seu pai, se é que se lle pode chamar biblioteca a dous estantes ateigados de libros, onde Jules Verne convivía con Edgar Allan Poe ou Wenceslao Fernández Flórez; dos seriais que escoitaba pola radio, como Superman ou Unha princesa de Marte; dos moitos cómics que lía, onde descubriu a súa fascinación polos heroes de papel; das inesquecibles películas de cine que tanto o atraían, e ás que, anos despois, homenaxearía en Amor dos quince anos, Marilyn, un libro escrito no centenario do nacemento do cine... Nos anos grises da posguerra, aqueles mundos feitos con imaxes e palabras axudaban a vivir e facían medrar o territorio sen límites da imaxinación.
    Así naceu a súa afección polo cine e polos libros, que xa nunca o abandonou. Pero Fernández Paz sabe ben que todas as persoas ás que lles gusta ler acaban sentindo tamén o desexo de escribir, porque a lectura e a escritura son inseparables como as dúas caras dunha mesma moeda. Quizais por iso, dende hai máis de dez anos, tamén el crea historias e vidas no papel, empregando as palabras como únicos materiais. Mensaxes na botella, como lle gusta dicir dos seus libros, que bota ao mar desexando que alguén os recolla e lea o seu contido.
    Entre os numerosos títulos que escribiu ata agora, atopamos unha ampla variedade temática: dende narracións de medo (Cartas de invernoAire negro) ata novelas de anticipación (O centro do labirinto), pasando por outros que recollen historias realistas (Trece anos de Branca, Rapazas). Unha característica presente nunha boa parte dos seus libros é a irrupción dalgún elemento fantástico no mundo real (Cos pés no aireAs flores radiactivasAmor dos quince anosMarilynAvenida do Parque, 17As fadas verdes), moitas veces adobada cunha abondosa carga de ironía e humor (O laboratorio do doutor Nogueira, Contos por palabras). O seu último libro, polo de agora, é Noite de voraces sombras, unha novela onde aborda o qué significou a guerra civil desde os ollos dunha rapaza de hoxe.
    A Agustín Fernández Paz gústalle dicir, usando as palabras do noruegués Jostein Gaarder, que el está empeñado nunha loita explícita por conseguir un status digno para a literatura infantil e xuvenil. Aínda que os seus libros aparecen en coleccións dirixidas á mocidade, o certo é que escribe as súas historias coa intención de que tamén lles interesen ás persoas adultas. Quizais por iso ten sempre presentes, a xeito de guía, as palabras que don Álvaro Cunqueiro escribiu en 1963: "o propio dun escritor é contar claro, seguido e ben. Contar a totalidade humana, que el pola súa parte ten a obriga de alimentar con novas miradas. E se hai algo que estea claro nesta dieta é que o home precisa en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños".



Un mundo de palabras
(A world of words)


    Cando eu era neno, tiña na miña cama unha colcha feita con retallos de teas de diferentes texturas e cores: unha colcha de trapos. Lémbroa agora, despois de tantos anos, e volvo escoitar o estrondo das ondas e o ruído do vento nas velas, e sinto medo porque me atopo nunha selva chea de perigos, e contemplo abraiado un espacio lunar ateigado de silencios... Porque a miña memoria se enche cos mundos encerrados nos libros que había na pequena biblioteca de meu pai, aqueles libros que, coas mans aterecidas, eu lía con paixón nas noites de inverno da miña infancia, abrigado pola colcha de trapos que fixera miña nai.
    A min gustábame moito contemplar aquela colcha, imaxinar que a súa superficie era como un inmenso territorio, un gran continente con múltiples países, tan diversos e atraentes coma os debuxos e as cores das teas que a formaban. E por eses países soñados, polas súas selvas e cidades, polos seus montes, ríos ou desertos, facía eu vivir as personaxes que nacían da miña imaxinación, alimentada decote polas palabras gardadas naqueles libros inesquecibles.
    Estas lembranzas veñen á miña memoria mentres contemplo o globo terráqueo que a miña filla ten no seu cuarto, iluminado por un sol interior que o fai brillar na penumbra. E penso entón que o mundo é coma a colcha da miña cama de neno: un mosaico de cores, un inmenso puzzle de países e culturas, onde todas as pezas, grandes ou pequenas, son imprescindibles.
    Coma na colcha que gardo na miña memoria, coma no globo terráqueo que acompaña os soños da miña filla, tamén a diversidade está presente en todas as manifestacións da vida humana. Un mosaico de etnias, de costumes, de linguas, de xeitos de entender o mundo. Unha pluralidade que é a nosa maior riqueza.
    Quizais por iso, cando penso na variedade de linguas, nas diferentes verbas que as persoas utilizamos para nomear o mundo, volve a min o abraio dos meus anos de infancia, aquela certeza de que a través das páxinas dos libros podía coñecer o mundo enteiro. Agora sei que alí están as raíces deste pulo que me leva a crear historias e vidas no papel, empregando as palabras como únicos materiais.
    As palabras, ese milagre cotiá que nos fai humanos. Con elas aprendemos os nomes das cousas, expresamos todo o que sentimos, dámoslle vida á nosa imaxinación sen límites. E coas palabras podemos, ademais, vencer o tempo e o espacio, dialogar con persoas doutras épocas ou que están lonxe de nós. Velaí a marabilla dos libros, que nos permiten coñecer o que pensan e soñan as persoas que falan en tantas linguas diferentes.
    Algunhas noites de verán gústame tombarme na herba e contemplar o ceo que nos cobre. Sei que as estrelas que vexo escintilar no firmamento son as mesmas que viron nos tempos antigos, as mesmas que tamén fascinarán ás persoas do novo milenio que nos agarda. Un ceo amigo, que me leva a pensar nesoutro ceo de palabras e de libros que tamén comparte toda a humanidade. E sinto entón que a diversidade é o fío profundo que nos une a todas as persoas que vivimos neste vello planeta. Un planeta que é a nosa gran casa común, acubillada baixo esoutra colcha inmensa que polas noites se enche de estrelas e nos acolle a todos. 

Web do autor

O autor en Xerais

[Outubro, 2002]

 

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega