Antón Avilés de Taramancos

(1935 - 1992)

 

 
Obras
Biografía
 
m1avilestaramancos.html

     Antón Avilés Vinagre naceu en 1935 na aldea de Taramancos, próxima a Noia (A Coruña), da que tomou o seu nome literario. Fillo de labradores, estudou Náutica na cidade da Coruña, onde moraría entre 1953 e 1959. Aos vinte anos a súa inclinación á literatura concretouse nunha serie de sete poemas publicados na revista ferrolana Atlántida baixo o título de As moradías do vento (1955). Tres anos máis tarde, durante a súa estancia en Ferrol por mor do servizo militar, saíu do prelo o seu primeiro libro, A frauta i o garamelo, magnífico exemplo da musicalidade da poesía avilesiana. Desde ese momento Avilés de Taramancos colocouse entre os máis destacados poetas de posguerra.
     No ano 1960 tivo que emigrar a Santiago de Cali (Colombia), o que fixo que a súa traxectoria como poeta se desenvolvese independentemente da dos seus compañeiros de xeración. En terras americanas, onde levou unha vida de auténtico aventureiro, a súa actividade literaria non cesou. Comezou a compor en 1961 Poemas da ausencia, enviou 10 poemas á revista Grial e realizou nas páxinas de La Voz de Galicia un emotivo "Pranto por Urbano Lugrís" (1974) co gallo da morte do pintor e amigo.
     Dous anos despois de regresar a Galiza, Avilés deu a coñecer O tempo no espello (1982), onde incluíu, ademais dos dous primeiros libros, os titulados Poemas a Fina Barrios (1959), Poemas soltos a Maricarme Pereira (1961) e Poemas da ausencia (1961-1981). Pouco despois viron a luz Cantos caucanos (1985), produto das lembranzas colombianas do poeta, que lle valeu o Premio da Crítica española e chegar a finalista do Premio Nacional de Madrid. A dialéctica que Avilés establece entre a saudade do país natal e a experimentación a través do poema alcanza aquí a súa máxima expresión.
     En 1989 edítase As torres no ar, que supón o punto máximo dunha escrita que liga o sentimento de morriña da terra ao amor e ao erotismo interiorizados como actos fundamentais da vida. Neste mesmo ano o poeta fixo aínda unha incursión na narrativa cun libro de relatos titulado Nova crónica das Indias.
     Avilés de Taramancos, nome de referencia na lírica ibérica máis recente, faleceu en Noia, onde traballaba como taberneiro, no ano 1992. Neste mesmo ano publicaríanse unha Antoloxía poética do escritor e a Última fuxida a Harar.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega