Ant%C3%B3n Losada Di%C3%A9guez

(1884 - 1929)

 

 
Obras
Biografía
 
Losada Diéguez. html

     Antón Losada Diéguez naceu en 1884 na parroquia de San Mamede, situada no concello de Boborás, O Carballiño. Os seus primeiros anos transcorreron entre o pazo de Moldes, a casa petrucial da familia —de orixe fidalga e ideoloxía ultraconservadora— e a vila da Estrada, onde o pai traballaba como notario. Mais moi novo foi levado interno á Guarda para estudar o Bacharelato no Colexio Apóstolo Santiago de Santa Isabel de Camposancos cos xesuítas. Non obstante, conseguiría o título de bacharel en 1899 no Instituto de Pontevedra.
     Doutor en Filosofía e licenciado en Dereito —tras pasar polas universidades de Deusto, Salamanca, Madrid e Compostela— comezou a traballar como profesor axudante de Armando Cotarelo Valledor. Nesta altura Losada iniciou a súa relación co movemento galeguista e co agrarismo de corte social-católico. Nos anos seguintes loitou por que as antigas reivindicacións agraristas tivesen un oco no nacionalismo, tentando, ademais, tender unha ponte entre as posturas galeguistas e a Igrexa —Losada nunca abandonaría a súa relixiosidade—.
     No ano 1911 viaxou a Madrid co obxectivo de preparar oposicións á cátedra de Psicoloxía, Lóxica, Ética e Rudimentos de Dereito, obtendo o primeiro posto. Tres anos despois —tendo sido destinado en diferentes centros como Catedrático de Instituto— fíxose cunha praza en Ourense. Losada integrouse á perfección no ambiente cultural da cidade, onde permaneceu até o seu translado a Pontevedra (1919).
     Desde o seu ingreso en 1917 nas Irmandades da Fala, Losada desempeñou un papel relevante na conformación da ideoloxía nacionalista na Galiza. Resultará decisivo na evolución dos que chegarían a ser os componentes do Grupo Nós, atraendo a Risco, Noguerol, Otero Pedrayo e Cuevillas ás Irmandades. Chegou a presidir a I Asemblea Nacionalista en Lugo en 1918 e, dous anos máis tarde, encontraríase entre os fundadores da revista Nós —que se fixo realidade a partir dunha súa idea—. Tamén foi membro destacado do Seminario de Estudos Galegos, ao que accedeu en 1924.
     Para alén dalgúns contos publicados en revistas como Nós ou Alborada —"Home viaxeiro", "Queixumes", "Conto sinxelo", "Amañecer"—, pezas teatrais —"A Domeadora"—, poemas e un breve escrito de ton filosófico —"Teoría cuasi trasdendental da velocidade"—, a obra de Losada componse fundamentalmente de ensaios —maiormente políticos—, que serían compilados en 1985 baixo o título de Obra completa. Porén, a forte influencia que Losada exerce nos componentes da Xeración Nós non se produce unicamente a través dos seus escritos ensaísticos —pouco numerosos, por outra parte—, mais sobre todo por medio da conversa, do discurso e do intercambio epistolar. Defensor da entidade nacional do país galego, esixirá a súa soberanía política como afirmación imprescindíbel perante un Estado centralista e explotador.
     Losada Diéguez, a quen se dedicaría o Dia das Letras Galegas de 1985, faleceu en Pontevedra no ano 1929, con cuarenta e cinco anos. Neste mesmo ano a revista Nós dedicou o número 71 á súa figura. Tempo despois os seus restos foron transladados á capela familiar na igrexa parroquial de Moldes.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega