Arcadio López-Casanova


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
v1lopezcasanova.html

     Nace en Lugo no 1942, e pasa a súa infancia (1942-1947) na casa da avoa paterna, nas terras luguesas de O Páramo, ámbito que acadará dimensión poética no seu libro Palabra de honor.
     Xa na súa cidade, estudia o bacharelato no Instituto de Ensino Medio (1952-1959), onde vai perfilando a súa afición literaria e obtén o seu primeiro premio. Ós catorce anos colabora en El Progreso, e pouco despois publica o libriño Tío Mingos. Contos de Galicia, sendo asemade cofundador, con outros mozos lugueses (Marina Mayoral, Ramón Clemente, etc.), e baixo a dirección do prof. Luis Quintela Ferreiro, da revista Escritos.
     Entre o 1959-1964 cursa a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Compostela, entrando en relación cos mestres do galeguismo (Otero Pedrayo, García-Sabell, R. Piñeiro), e cos escritores das últimas xeracións (Novoneyra, Franco Grande, Xohana Torres, García-Bodaño). Tamén, ó longo deses anos de formación, participa con outros mozos universitarios da súa promoción (Xavier Carro, Carlos Casares, Antón Santamarina, Xosé Docanto, etc.), en amplas actividades de política cultural na Universidade, organizando o primeiro "Día das Letras Galegas"(1963) , a "Festa da Poesía", a "Homenaxe a Antonio Machado", o "Premio Castelao", e moi diversas actuacións promovidas dende a Asociación Cultural "O Galo".
     Colabora asiduamente nas páxinas de La Noche e La Voz de Galicia, e no 1961 edita o seu primeiro libro de poemas, Hombre último, retirado por orde gobernativa. Gaña varios anos o premio das Festas Minervais, e inicia unha actividade de conferenciante e de lecturas poéticas por toda Galicia, Madrid, Barcelona, Valencia, etc.
     Xa de volta na súa cidade natal, prosegue coa súa actividade de política cultural organizando e dirixindo o primeiro Curso de galego (1965), e unha memorable homenaxe a Luís Pimentel. Asiste á tertulia luguesa de Celestino Fdez. de la Vega —a quen o vencellará unha fonda e longa amizade—, colabora na prensa con artigos de temática literaria, e funda a colección "Ronsel" de poesía.
     Comeza, así mesmo, a impartir docencia no Colexio Fingoy, baixo a dirección do profesor Carballo Calero, e pasa logo ó lNEM, onde coincide cos catedráticos Alonso Montero e Amable Veiga. No 1965 inicia o seu noivado con Carmen Paramio, coa que casará tres anos despois. E no 1967 publica Palabra de honor, libro tamén retirado por orde gobernativa.
     No 1968 obtén unha cátedra de Lingua e Literatura Españolas, solicitando a praza do Instituto "Benlliure" de Valencia. Xa instalado na cidade levantina, desenvolve co seu colega e amigo, o profesor Eduardo Alonso, unha ampla tarefa de dirección editorial e de publicacións sobre temas de historia, teoría e crítica literarias, con obras como Lenguaje, expresión literaria y lingüística del español (1970), Lengua española. La expresión literaria (1974), El análisis estilistico (1975) e Poesía y novela (1982).
     No eido creativo inicia o ciclo dos Mesteres, que adianta en varios Pliegos a amigos, publica a antoloxía Memoria dunha edá (1976) e, nese ano, saca a edición bilingüe —e primeira— de Mesteres. No 1978 obtén o Premio "Adonais" con La oscura potestad (1979), e defende a súa Tese de doutoramento sobre Estructuras correlativas en la poesía española contemporánea, calificada con Sobresaliente cum laude.
     No 1983 publica Liturxia do corpo, obra á que se lle concede o Premio da Crítica-Galicia á creación literaria. Catro anos despois (1986), obtén por oposición praza de Profesor Titular da Universitat de València, proseguindo o seu labor de investigación con estudios como Estructuras correlativas y función estilística (1989), Lenguaje de la poesía y figuras gramaticales (1990), La poesía romántica (1991), Miguel Hernández, pasión y elegía (1993) e El texto poético. Teoría y metodología (1994).
     En relación coa literatura galega, edita a Antología poética de Rosalía de Castro (1985, 2ª ed., ampliada en 1995), Luís Pimentel e "Sombra do aire na herba" (1990), Álvaro Cunqueiro e a vangarda poética (1994), e o Diccionario metodolóxico de análise literaria. I. A Poesía (2001), así como estudios sobre Ramón Cabanillas (1976), Luís Seoane (1994), E. Blanco Amor (1993), Curros Enríquez (2001) e sobre "Fin de século e modernidade literaria" (1997) ou o "Modernismo en Galicia" (1999). A Real Academia Galega concédelle o Premio "Menéndez Pidal" de investigación por un traballo sobre a obra de E. Pondal.
     No eido da creación poética, da última década son os seus libros Razón de iniquidad (1991, Premio Internacional "Ciudad de Melilla"), Noite do degaro (1994) e Asedio de sombra (1997, Premio "Tiflos").

[Febreiro, 2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega