Carlos G. Reigosa


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
Carlos González Reigosa

    Carlos González Reigosa, periodista, licenciado en Ciencias Políticas e en Ciencias da Información, naceu en Lagoa da Pastoriza (Lugo) o 2 de setembro de 1948. É desde 1997 director de Publicacións, Análise e Estilo da Axencia EFE de información internacional. Entre 1990 e 1997 foi director de Información desta axencia, período no que EFE obtivo, entre outros, o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación y Humanidades (1995). Ten publicados numerosos artigos en medios de comunicación españois e americanos.
    É autor das novelas Oxford, amén (1982), Crime en Compostela (1984), O misterio do barco perdido (1988), A guerra do tabaco (1996), Narcos (2001) e Intramundi (2002). Publicou tamén catro libros de relatos curtos (Homes de tras da Corda, As pucharcas da lembranza, Irmán Rei Artur e Os outros disparos de Billy) e cinco de investigación e ensaio.
    Crime en Compostela -traducida ó castelán e ó valenciano- obtivo o I Premio Xerais en 1984. Desde entón acadou catorce reedicións en galego, idioma no que se converteu nun bestseller. Con La agonía del león, unha investigación xornalística con estructura de novela sobre un grupo de fuxidos antifranquistas (1936-1951), gañou o Premio Internacional Rodolfo Walsh de Literatura Testemuñal en 1996. Reigosa é tamén autor de guións de cine e televisión, entre eles o da película Huidos, protagonizada por Sancho Gracia, Fernando Valverde, Uxía Blanco e Javier Bardem.
    Nos últimos anos dirixiu numerosos Cursos de Verán nas universidades Complutense e Rey Juan Carlos de Madrid, na Internacional Menéndez y Pelayo (UIMP) e na de Santiago de Compostela, sobre cuestións literarias e xornalísticas. Varios destes cursos foron recollidos en libros: La información internacional en el mundo hispanohablante (1995), Información y Sociedad (1996) e Hemingway desde España (2001). Tamén dirixiu cursos de xornalismo nos Estados Unidos (Miami e Los Ángeles). É profesor no Máster de Relacións Internacionais da Complutense e no Máster de Periodismo de Axencias da Universidade Rey Juan Carlos e a Axencia EFE. 
    Está casado e ten dúas fillas.

[Outubro, 2002]


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega