Carlos Loureiro Rodríguez


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2carlosloureiro.html

     Carlos Loureiro Rodríguez nace en Callobre (A Estrada-Pontevedra) no ano 1957. É Licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela. No curso 1981-82 comezará a impartir clases de Lingua e Literatura Galega no "Colexio Estudio" da Caeira (Pontevedra) até que en Decembro do ano 1982 pasará ao Instituto de Bacharelato Sánchez Cantón (Pontevedra). No ano 1983 aproba as aposicións de Agregado de Lingua e Literatura Galega, índose destinado ao IES "Manuel García Barros" da Estrada, onde continúa a desempeñar o seu labor docente.
     O seu labor docente sempre irá de par do seu labor a prol do deporte nos máis cativos, en concreto colaborando co clube da súa parroquia de nacemento que, a pesar de ser representativo dunha parroquia das moitas que compoñen o Axuntamento da Estrada, sempre se distinguiu polo seu labor a prol do fútbol base.
     Con todo, xamais esqueceu o seu traballo de colaborador con todo movemento cultural estradense que se distinguise por traballar a prol da nosa cultura e traballando arreo para dar a coñecer ao insigne galeguista estradense, Manuel García Barros "Ken Keirades", autor de moitísima obra literaria pero que seguía a permanecer no case máis completo anonimado. Este labor comezou no ano 1990 no que se encargou da edición da novela Aventuras de Alberte Quiñoi (en colaboración co profesor Xesús Oreiro Pensado). No ano 1999 encargouse da edición da obra Contiños da Terra, no ano 2000 de Enredos, no ano 2001 de Dos meus recordos e finalmente no ano 2002 da obra teatral Carta da Habana, todas elas de Manuel García Barros. Tamén foi encargado da edición das seguintes pezas teatrais: de Varela Buxán, O cego de Fornelos (2004), Triste Chegada (2005) e Meu pai (2006) así como da obra de Antón Losada Diéguez A Domeadora (2003). A nivel individual é autor de dous extensos ensaios en col das dúas actividades presentes no seu devalar: a nivel deportivo publicou a obra Callobre C.F. Dos alicerces a 2002 (2003),
onde se narra a historia deste clube parroquial dende os seus comezos alá polos primeiros anos do 1940 até o 2002. Obra onde así mesmo se narra o percorrer dun clube (neste caso o Callobre C.F.) dende os comezos en confrontación coa actualidade, co fútbol da actualidade. Datos e actividades, anécdotas... conforman este libro. A nivel de literatura publicou o Dicionario de escritores de Tabeirós-Terra de Montes (2004), onde se nos dá a biografía, obra e unha escolma de máis de setenta autores de Tabeirós-Terra de Montes, dende a Idade Media até a actualidade. Tamén é coautor da obra A Estrada. Imaxes para a lembranza I (en conxunto con Olimpio Arca Caldas, Xoán Carlos Garrido Couceiro e Xosé Luna Sanmartín) (2006). Como tradutor son súas as traducións Na Estrada da vida de Antón Losada Diéguez (2006) e As falsas confidencias de Marivaux (2007).
     Dende o ano 2003 é compoñente da editorial estradense Edicións Fervenza, editorial que centra os seus obxectivos en espallar a nosa cultura galega e sacar dos baúis moita obra esquecida.

[Xuño 2007]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega