vb2carlosnegro.html
ESPELLO NEGRO (autobiografía)
Nacín na vila de
Lalín, terras de Deza, en outubro de 1970; da infancia, lembro a rúa da
Cacharela, a casa dos avós (Avenida de Buenos Aires, nº 1), a droguería con
louza Duralex e pintura Titanlux (antes da invasión dos
supermercados), os caramelos de nata (a peseta a unidade), os debuxos de
Mazinguer Zeta (¡fuego de pecho!), os partidos de fútbol nas leiras
(previos á especulación urbanística), o cheiro concentrado a laca na
perruquería "Romero" (onde miña nai lles facía a manicura ás
señoritas).
Eu nunca fun un neno
de aldea, mais a aldea entrou en min a través da casa de Agolada, avós
paternos, estirpe de terra negra, muíño de fariña albeira, maquías e millo,
tréqueles da Singer, a mesa de carpinteiro, as espadas de madeira, o
banco comunal da cociña, a zorza e as filloas de sangue, o manto da chuvia na
follaxe das parras, no tambor das uralitas... Desa memoria tamén procedo,
aínda que eu falaba castellano, porque era un niño bueno.
A finais dos
setenta, nas paredes do colexio "Sagrado Corazón", aínda seguía
pendurada unha reproducción do derradeiro discurso de Franco e do primeiro do
rei de España; entre ambos textos, o fulgor obrigatorio dun crucifixo
católico; daquela, sempre se rezaba pola saúde do Papa de Roma, sempre se
cantaba no maio florido en honor a María Purísima, sen pecado concebida. E
nós, coro de querubíns, carne de Primeira Comuñón, netos da dictadura,
fillos da transición, qué felices marineritos na igrexa.
Do restrollo
ideolóxico do nacional-catolicismo aprendín a fuxir a través da pantalla do
televisor en branco e negro (indios e vaqueiros, piratas e corsarios, polis e
gánsters...), a través dos libros (clásicos ilustrados de Bruguera, os
Hollister, os Cinco...) e, por suposto, dos tebeos (Mortadelo e Filemón,
Capitán Trueno, Ásterix...); ós poucos, nun milagre introspectivo, fun
descubrindo que a lectura me permitía medrar máis rápido e máis lonxe ca
ninguén do meu redor. Así abrín os ollos e volvín nacer.
Nos oitenta, fixen o
Bacharelato no Instituto Público de Lalín; daquela lembro que eu era tímido,
máis ben calado, retraído, atento e sixiloso. Eu estudiaba moito porque non
era quen de ser rebelde, mentres os chicos malos fumaban descarados e
ligaban coas mozas máis feitas (lei de vida). Daquela era o esplendor das
discotecas: por exemplo, Krakatoa. E na banda sonora da adolescencia soaban
Golpes Bajos, Alaska, Siniestro Total, Duncan Dhu, Radio Futura, Queen, Pink
Floyd, The Cure...
Do Instituto recordo
a influencia de dous profesores: Luz Marina e Mario; eles foron responsables de
que eu aceptase cánto me gustaba a literatura, a pesar de min mesmo, a pesar do
meu apoucamento, a pesar de que eu, de maior, aínda non quería ser nada. Eles
botaron a semente que me animou a estudiar Filoloxía en Santiago de Compostela.
E aí comezou outra xeira.
En Santiago superei
os ritos de iniciación, fun madurecendo a modiño, entre a dúbida e a esmorga;
perdín complexos e culpas, reconquistei lentamente a miña memoria da lingua,
aprendín a pasear unha cidade milenaria que tamén era aldea e barrio, engadín
ós amigos da infancia outros novos, namoreime e desenamoreime... e souben que
as mellores aulas estaban nos cafés, nas rúas e nas sesións de Cine-Europa.
Pero aínda era cedo para botarme a escribir: moita filoloxía e pouco mundo, un
chisco de desconfianza e un exceso de sentimentalismo... e sempre tardei en
liberarme dos meus propios medos (eu son froita serodia, adulto a deshora).
Os primeiros textos
que publiquei foron relatos breves en revistas universitarias como Ólisbos;
textos tan ben intencionados como mal escritos, mais supoño que necesarios en
calquera proceso de aprendizaxe. Xogos xuvenís, brincadeiras de estilo, porque
eu aínda vivía á marxe de calquera proxecto literario rigoroso e consciente;
porén, fun tomando decisións transcendentes: o meu idioma vital sería o
galego, xa para sempre. Porque na universidade, entre amizades e lecturas, fun
entendendo que eu tamén podía pronunciar con amor a palabra Galiza, sen
regreso posíbel.
No ano 1994
abandonei a universidade cun deses diplomas que as nais penduran con orgullo nas
paredes do cuarto da infancia, pero que para nós xa non significan case nada,
agás un trámite na biografía administrativa. Logo preparei oposicións, tiven
a dose de sorte imprescindíbel, asegureime o pan de cada día. Desde 1996
exerzo a docencia, o cal non significa que sexa mestre de nada, agás da
ilusión en ensinar a non perder a esperanza.
Ó oficio poético
cheguei relativamente tarde, a mediados dos noventa, case sen querer, sen
reflexión previa do cómo e do por qué; pero cando rompín a escribir versos,
souben, a posteriori, que a palabra se me estaba impoñendo como un
instrumento para exercer a memoria e buscar a verdade (a miña memoria e
a miña verdade); fun descubrindo un órgano subxectivo de comunicación
e coñecemento, un terceiro pulmón invisible que me dota de osíxeno, unha
bocalada de palabras que me respiran desde dentro, que non pretenden
impoñer un sentido, senón que son en si mesmas o sentido inherente ó ritmo,
nun fráxil equilibrio entre o racional e o intuído, entre a técnica exacta e
o momento propicio.
Ata hoxe,
publicáronme tres poemarios; no 1998, gracias ó proxecto editorial alternativo
denominado Letras de Cal, veu a luz o meu primeiro libro, as laranxas de alí
babá; resultou un conto de amor, tan irrepetíbel como transparente; no
2001 xurdiu Far-West, concebido como unha elexía sobre os despoxos dunha
Galiza salvaxe; a finais do 2003, apareceu Héleris, fotonovela
sentimental do franquismo, crónica psicolóxica de traumas sociais, versión en
branco e negro dun mito clásico. O 2003 foi tamén o ano da literatura do
"Prestige"; e non puiden deixar de cuspir versos contra a Burla Negra,
desde a rabia e a indignación.
A partir de aquí,
xaneiro de 2004, todo é aínda pantalla en branco e silencio.
Advertencia: Consíderese a autobiografía
anterior como un probábel relato de ficción no que o autor se engana a si
mesmo, aínda sen pretendelo, mediante mecanismos ilusorios que pretenden
ofrecer unha imaxe socialmente aceptábel do seu Eu supostamente máis íntimo.
|