Pura Vázquez

(1918 - 2006)

 

 
Obras
Biografía
 
vb2puravazquez.html

     Pura Vázquez naceu en Ourense, en 1918. Criouse na cidade de A Coruña, desde menos de un ano de idade ata os sete cumplidos en que a trouxeron de novo a Ourense.
     En Ourense estudou a Primaria, Bacharelato e Maxisterio. Desempeñou a primeira escola, logo da Oposición, na Provincia ourensá, e dous ou tres anos máis tarde, por motivos de clima, fai unha lenta peregrinación por as escolas da provincia de Segovia, Toledo, Sevilla e Madrid. Nesta última capital xubilouse por lei, forzosamente, no ano 1985, en que enviudou, e regresa definitivamente a Ourense. No ano 1955 viaxou a Venezuela, Caracas, con excedencia profesional do Ministerio deiquí, e é encargada polas autoridades venezolanas de organizar e logo rexentalo, un kindergartem piloto no mellor Centro de Primaria de Caracas, daquela época. Un ano despois, é chamada pola Universidade Central para ser Secretaria da Escola de Periodismo, que entonces funcionaba dentro da Facultade de Letras da Universidade Central de Venezuela en Caracas. Regresa a España a mediados de 1968 aproximadamente.
     Comezou a escribir e publicar desde moi noviña, en revistas e prensa galegas, nos primeiros anos do Bacharelato, e alternou sempre a carreira do Ensino coa da Literatura. No ano 1944 publícalle a Excma. Deputación Provincial de Ourense o seu primeiro libro en castelán. Antes, no 1943, publicáranlle xa persoas particulares, unha edición de 18 exemplares de outro libro tamén escrito en castelán, pero que incluía xa nove poemas en galego. Neste idioma publica tamén xa entonces contos e poesías en xornais e revistas galegas, no noso idioma, unhas deiquí, e outras do Centro Galego de Buenos Aires e algúns outros de capitales de Sur América.
     E no ano 1952, sale na Colección Xistral, no seu número dous, o libro Íntimas, en Lugo, totalmente xa escrito en galego.
     Desde estas datas, nun e noutro idioma, seguíu xa publicando sempre. O Centro Galego de Buenos Aires publica, en 1956 o seu libro Maturidade, tamén no noso idioma. En Galicia e logo en Castela, sigue publicando, alternando o galego co castelán. En Segovia, son publicados dous libros pola Casa de Amigos de Antonio Machado, na Universidade Popular segoviana. En Madrid, publícanlle, tamén patrocinados por Editoriais, outros tres libros. Tres tamén en Caracas durante a súa estancia en Venezuela. Logo fai un intervalo de cerca de nove anos sin escribir, por motivos familiares e de saúde.
     Nos anos 1990 e 1991, publica por propia iniciativa, en Ourense, unha Antoloxía castelán e outra galega, das súas obras publicadas, e volta a escribir poesía en galego, publicando en 1993 o libriño Man que escribiu no mar. E os que tén en Editoriais ou Coleccións, como Anos de navegar, 1992; Se digo Ourense, tamén de 1992; Desmemoriado río, 1993, e Orballa en tempo lento, en 1994. Ten rematado un derradeiro libro en castelán, Los silencios de Alargán, 1994. E anda con outro galego en preparación, así como un intento de autobiografía comezada xa. Foi, despois da Guerra Civil, a primeira muller que comezou a publicar en galego nos xornais e revistas de Galicia e dos Centros Galegos, como o de Bos Aires, e algún outro daquela época, cando estaba prohibido a publicación no noso idioma, o que lle trouxo algúns inconvenientes graves.
     No ano 1992 adícanlle as Mulleres Traballadoras de Ourense o Día Internacional das Mulleres Traballadoras, e no 93, adxudícaselle o premio de "Creación Cultural Feminina" da Xunta de Galicia. A Presidencia da Xunta faille a gracia de publicarlle unha fermosa Carpeta Antolóxica de poemas seus. e no 1994, publícalle unha Nova Antoloxía, A Carón de mín, que inclúe unha selección da súa obra poética publicada en galego, e unha pequena mostra de varios libros inéditos galegos.
     Pura Vázquez faleceu en Ourense o 25 de xullo de 2006.

 

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega