Eduardo Estévez


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2eduardoestevez3.html

     Percorrer lúa gris permíteme contar máis ou menos a miña propia historia. Defendo firmemente a independencia entre a voz poética e o autor do poema. E dende esa premisa digo que lúa gris é, dalgún xeito, un libro autobiográfico, sen que iso signifique que todo o que alí está dito é verdade. Porque é literatura, e porque a memoria non é tanto a reconstrucción do pasado senón a construcción dunhas paisaxes que nos gustaría ter visto, da persoa ou as persoas que nos gustaría ter sido. Un xogo de máscaras, de imposturas.
     Así que nacín no lado de Palermo onde, segundo di de pasada Borges no seu Evaristo Carriego, comezaban a se instalar, alá polos finais do dezaoito, os inmigrantes calabreses. A literatura traizooume e nun poema do libro falo de casas xenovesas. Pero de calabreses é que fala Borges, e calabreses eran a maioría dos viciños, aínda que a familia da miña avoa viña dun sitio preto de Roma.
     A realidade é que nacín noutra zona de Palermo, pero iso non fai parte da construcción da memoria.
     Pouco despois mudámonos a outro barrio, "máis fermoso e distante". En Coghlan crecín, mais a patria é Palermo.
     Entre Coghlan e o centro, onde fun ao instituto, e onde despois tamén traballaba, transcorreu o resto da miña vida porteña e a segunda parte do libro.
     O final daquel tempo non aparece en lúa gris. A zona norte, "La Manzana Podrida" e despois "La zona", unha emisora clandestina de radio con dous nomes e, sobre todo, un bo grupo de amigos que medrou a partir dalí. De todo iso só hai un poema en só paxaros... que lembra os últimos meses e os encontros no Café Ingenieros. Mais tamén, na memoria, os amigos e, na cultura, sobre todo o tango.
     Uns poucos anos antes comecei a escribir os meus primeiros relatos. A culpa tena Daniel Arias que me convertiu nun apaixonado da literatura. Foi no seu obradoiro onde empecei a escribir tamén os meus primeiros poemas. Pero creo que eran mellores os relatos.
     No obradoiro de Daniel Arias pasei catro ou cinco anos e del xurdiu o meu primeiro libro. Foi un pouco iniciativa de todos. Un tempo antes empurraramos a primeira aventura de Diego Muzzio, que hoxe vai collendo un espacio de seu. E pouco despois os compañeiros convencéronme de que eu tamén podía. Así, remexendo en toneladas de papel, facendo uso e abuso das tesouras e coa colaboración inestimábel de Diego e mais de Fernando Tomasenía saíu Catedrales de perfil.
     Outra cousa memorábel daqueles tempos foi a tempada que pasei aprendendo música e composición con Gustavo Mozzi. Agora todo iso téñoo abandonado, pero hai cores nos meus poemas que teñen algo que ver co que aprendín daquela.
     Creo que non pasaron catro meses dende que saíu Catedrales... e eu marchei de Arxentina.
     A seguinte escala da viaxe foi Caracas, onde vivín algo máis de cinco anos. Marchei de Buenos Aires o 17 de outubro de 1990, e vivín en Caracas ata o 9 de xaneiro de 1995.
     A etapa venezolana ten un papel importante na miña aventura literaria. Alí, coa colaboración fundamental de Harry Almela, aprendín moito do que hoxe son como poeta. E tamén escribín artigos, e publiquei traduccións diversas, primeiro da poesía brasileira, despois un alguiño de Portugal e, finalmente, de Galiza. O medio editorial e cultural de Venezuela foi xeneroso comigo, penso.
     A finais de 1993 fixen unha viaxe que en moitos sentidos foi fundamental. Dela vou contar que, nunha librería de Compostela comprei dúas antoloxías da poesía galega, e mais un libriño de verbos. Parella curiosa, paréceme. A maiores regaláronme un par de libros de poesía (os Cantos Caucanos de Avilés era o máis memorábel deles) e despois conseguiría un diccionario.
     As antoloxías eran, unha de poetas dos 80 (aínda ninguén falara de tal clasificación ou, cando menos, non comparándoa con nada posterior), bilingüe, Visor. A outra é aquela reedición nun só volume dos libros todos da colección Val de Lemos que fixo Espiral Maior.
     Con iso debaixo do brazo marchei de regreso a Caracas e, nun ano, resultaron nun meu segundo libro (hai máis polo medio, pero non vén aquí a conto), Ya tan deshabitado, que publicou Harry Almela na súa editorial La liebre libre, e Finisterræ, unha selección de poemas de Xavier Rodríguez Baixeras, Xosé M. Álvarez Cáccamo, Manuel Forcadela e Xela Arias que traducín non sen precisar moita axuda transoceánica.
     Á fin, en xaneiro de 1995 volvín cruzar o océano. Na comarca compostelá (primeiro no barrio de Santasmariñas, despois en Framil, Ames, despois en Bertamiráns e, dende hai un tempo, nas Fontiñas compostelás) cambioume a vida, en moitos sentidos. O que importa aquí e agora é que empecei traducindo un libro que xa tentara publicar en Venezuela sen éxito: Sólo pájaros salieron de mi boca. O resultado, tras moitos trasegos, envíos, editoriais, esperas (¡esperas!) e, sobre todo, correccións e correccións, deu en só paxaros saíron desta boca. A pequena diferencia entre os dous títulos non é proba fiel da enorme diferencia que hai entre un libro e mais o outro. Todo un océano.
     A Miro Villar e sobre todo a Rafa Villar débolles moitísimo. Eles non só me acolleron con cariño e acabaron convertíndose en grandes amigos, senón que creron no que eu facía, creron en só paxaros... e, en boa parte, a eles debo que decidise, finalmente, envialo ao concurso que o premiou. Foi o meu primeiro premio literario, un accésit (moito lembrei a Daniel Arias daquela) na convocatoria de 1997 do Premio Miguel González Garcés. Un premio demasiado relevante, penso, para o meu primeiro libro en galego.
     Dende aquela o ritmo foi sostido. Escribir, escribín outros seis libros. Dos que xa viron a luz tres e logo serán catro.
     Xusto despois de rematar a traducción de só paxaros..., e antes de que só paxaros... chegase a ser o que finalmente foi, escribín xa directamente en galego os veos da paisaxe, que acabaría vendo luz só a finais de 2000 en Retagarda Edicións. Despois veu lúa gris, que acabou por se publicar antes có outro, en 1999, na colección Ablativo Absoluto de Edicións Xerais.
     Neste punto debo retomar o fío co que comecei. As dúas últimas partes do libro, de lúa gris son poemas da distancia e da soidade. Nalgún punto había que cortar, e as cousas quixeron que o punto fose baixo. Despois as cousas mudaron bastante, e por iso nos recitais de presentación sempre lin primeiro os poemas do final.
     Dos outros libros, o ano 2002 ocupouse de que dous deles colleran voo. derrotas foi merecedor do VI Premio de Poesía Concello de Carral e viu luz en 2004 en Espiral Maior, cunha fermosa ilustración de portada de David Creus. E no XV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado polo Concello de Dodro, foi galardoado co primeiro premio o meu caderno apócrifo da pequena defunta que viu luz polas artes de Ediciós do Castro en novembro de 2003.
     Despois de que, por dicilo dalgún xeito, quedase claro que había quen quería falar da xeración dos 80 e da xeración dos 90, inventamos Letras de Cal, para publicar libros de autores inéditos ou case.
     Foi un proxecto ilusionante, que levou á rúa 14 títulos, e gañou un espacio relevante, coido eu, na edición de poesía galega. Unha experiencia colectiva da que me sinto orgulloso.
     Tamén creamos Retagarda Edicións, pero o proxecto logo quedou durmido.
     En 2005 publico na web dous poemarios inéditos.
     Postais é unha aventura a catro mans, escrita a saltos de océano con Caro Erlich, botando man do vello correo. Un texto para títeres que se foi enleando con poemas, que despois coñeceu os escenarios de Buenos Aires e agora, finalmente, está a disposición dos lectores.
     Finalmente, mapas para describir a ausencia. Foi unha pescuda necesaria ao rematar de escribir o caderno apócrifo da pequena defunta e hoxe, visto dende lonxe, paréceme unha mirada honesta. Poucas cousas máis importantes.
     Finalmente, Tamén en 2005 viu luz itinerarios. Unha antoloxía feita coa colaboración de Estevo Creus, Marta Dacosta, Celso Fernández Sanmartín, María Lado, María do Cebreiro, Antía Otero, Baldo Ramos e Rafa Villar, aparecida na colección Poeta en Compostela que publican El Correo Gallego, o Concello de Santiago e mais a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
     2006 empeza cun novo proxecto: un libro que empezo a escribir en público. A idea é deixar constancia de todos os pasos do proceso de construción e ir comentando nun blog cada un dos pasos dados. O blog permitirá tamén que os lectores curiosos poidan participar, opinar ou comentar os pasos ou o proceso.
     E tamén me fixen informático. E no poco tempo libre que queda dou obradoiros literarios e, de vez en cando, constrúo páxinas web.


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega