Eduardo Pondal

(1835 - 1917)

 

 
Obras
Biografía
 
m1pondal.html

     Eduardo María González-Pondal Abente, unha das máximas figuras, xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez, do noso Primeiro Renacemento literario, naceu en 1835 na Ponteceso, comarca de Bergantiños. De orixe fidalga, Eduardo estudou gramática latina da man dun parente crego. En 1848 instalouse en Santiago para cursar o Bacharelato en Filosofía e, a seguir, a carreira de Medicina. No compostelán Liceo de la Juventud coñecerá a Rosalía, Murguía e Rodríguez Seoane, con quen partillará inquedanzas culturais. No transcurso do Banquete de Conxo (1856), un encontro confraternizador entre artesáns e estudantes, Pondal daríase a coñecer coa lectura dun poema en español titulado "Brindis".
     Tras licenciarse en Medicina en 1860, Pondal estableceuse en Ferrol como médico da Armada Española. Neste ano saiu á luz no Álbum de la Caridad "A campana de Anllóns", o seu primeiro poema en galego. Un ano máis tarde preparou oposicións en Madrid para ingresar no corpo de Sanidade Militar, mais, tras conseguir un posto en Asturias, deixou a praza e abandonou de maneira definitiva a profesión médica. Desde entón dedicouse por completo ao cultivo da poesía. Instalado desde entón na súa vila natal e na Coruña, Pondal contactou co hipotético pasado celta da Galiza na tertulia da Libraría Carré, alcumada "Cova Céltica", e accedeu a través de Murguía aos poemas ossiánicos de James Macpherson. Pondal asumirá entón o papel de "bardo" da nación galega, exercendo como guía e intérprete da rota a seguir.
     No ano 1877 saíu do prelo Rumores de los pinos, un conxunto de vinte e un poemas en galego e español que servirá de base a Queixumes dos pinos (1886). Esta obra recupera da versión bilingüe as composicións en galego, inclúe aínda algúns dos poemas en español agora traducidos e coñecerá diversas ampliacións nas edicións seguintes. "Os pinos", xurdido das sucesivas reelaboracións de Rumores de los pinos, conformará o himno galego, con música de Pascual Veiga.
     Pondal, poeta oficial do movemento rexionalista, encamiñará a súa obra á recuperación da lingua e da cultura galegas e á decidida defensa da liberdade do noso pobo. A súa escrita, fundamentalmente épica, irá en procura de mitos autóctonos que chamen á colectividade galega para comprometela co seu futuro. O bergantiñán vai cantar as xestas dos heroicos celtas galegos. Mais Pondal é tamén un excelente cultivador da poesía lírica, recreando unha paisaxe agreste inspirada nas terras de Bergantiños. Xunto coa natureza, a muller configurarase como unha das chaves da súa produción lírica. No plano lingüístico, Pondal procurou a dignificación do idioma fuxindo do estilo populista da época e incorporando diversos cultismos aristocratizantes no léxico e na sintaxe. O trazo máis acusado da súa personalidade literaria foi, sen dúbida, a clara consciencia da dimensión artística da súa obra que o levou a revisar constantemente as súas creacións, mesmo as xa publicadas. Neste sentido, non resulta estraño que de Os Eoas, un extenso poema épico baseado na descuberta do continente americano, o autor só publicase un primeiro esbozo en 1858.
     Eduardo Pondal falece no hotel La Luguesa da Coruña no ano 1917 e repousa desde entón no cemiterio de San Amaro.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega