Emílio Xosé Ínsua


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2emilioinsua3.html

     Emilio Xosé Ínsua López (Viveiro, 1967).


     Doutor en Filoloxía Galega pola Universidade compostelá, cunha tese sobre a figura de Antón Villar Ponte (2002), traballa actualmente como profesor de Lingua e Literatura no IES A Basella, en Vilanova de Arousa.

     Socio fundador e directivo do Seminario de Estudos "Terra de Viveiro", membro do Grupo Etnográfico "Mascato" (Cambados) e activista da asociación ProLingua, foi poñente en diversos simposios, co-autor de varios libros de texto para bacharelato (Consorcio Editorial Galego) e tomou parte na elaboración de volumes colectivos como Literatura Galega. Século XX (A Nosa Terra, 2001), Historia da Literatura Galega (A Nosa Terra/AS-PG), Plácido Castro e o seu tempo (Consellería de Cultura, 2006), Xornalistas con opinión. 20 biografías (Ed. Galaxia/Consello da Cultura Galega, 2007) e Cento vinte e cinco anos de teatro en galego (Ed. Galaxia /Xunta de Galicia, 2007).

     Colaborador frecuente dos semanarios Heraldo de Vivero, A Peneira e A Nosa Terra, mantivo a sección "Letras do Salnés" no Faro de Vigo (edición Arousa) e ten achegado traballos a revistas, de divulgación ou especializadas como Casahamlet, Escrita Contemporánea, Anuario Galego de Estudos Teatrais, Tempos Novos, A Trabe de Ouro, Xistral, Llengua y Dret e Cerna. Fai parte do consello de redacción da revista Ardentía, editada pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.
     Preparou, asemade, diversas edicións críticas e estudos da poesía de Antonio Prados Ledesma e do teatro de Antón Villar Ponte para a Universidade da Coruña e para a "Biblioteca 120" e recibiu os premios "Irmandiños" (Moeche, 1996, accésit), por un estudo sobre o xornal Galicia da Irmandade de Ferrol, e o "Ramón Piñeiro de Ensaio Breve" (Centro Ramón Piñeiro, Santiago, 2004), polo traballo Antón e Ramón Villar Ponte: unha irmandade alén do sangue.

     Xunto co cronista de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, foi distinguido en dúas edicións do premio "Ánxel Fole" (El Progreso/Fundación Caixa Galicia) en 2002, polo ensaio O primeiro Antón Villar Ponte, e en 2009, por Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal (El Progreso/Fundación Caixa Galicia, 2011).

     É autor, igualmente, dos estudos Sobre 'O Mariscal' de Cabanillas e Villar Ponte (Universidade da Coruña, 2005), Antón Villar Ponte a a Academia Galega (Edicións do Cumio, 2006) e Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo) (Seminario de Estudos Terra de Viveiro, 2010).

     Como poeta, alén de ter participado na experiencia da editora "Letras de Cal", escribiu os libros Devalar das esperas (Espiral Maior, 1995) e Acontece ás veces a ternura (Espiral Maior, 2005. Premio "Prados Ledesma" do Concello de Viveiro).

[Marzo, 2011]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega