mb2fcuevillas.html
Florentino
López Alonso-Cuevillas naceu en Ourense en 1886. Estudou o
Bacharelato na súa vila natal, tras o cal se instalou en
Compostela para cursar Farmacia. Despois de se licenciar en 1906,
transladouse a Madrid para facer Filosofía e Letras, mais non
chegou a finalizar a carreira. Sen nunca ter exercido como
farmacéutico, Cuevillas entrou a traballar como funcionario na
delegación ourensá da Facenda Pública, posto en que
permanecería até o retiro.
A traxectoria de Cuevillas
desenvolveuse paralelamente á dos seus compañeiros no chamado
"cenáculo ourensán". As súas primeiras mostras
literarias foron colaboracións (en español) en distintas
publicacións periódicas de ámbito local como a revista
neosófica La Centuria. Mais o ingreso nas Irmandades da
Fala por volta de 1918 determinou unha mudanza radical no rumo
destes mozos ourensáns, que pasarían a militar nas fileiras do
galeguismo. Así, Cuevillas participou no nacimento da revista Nós
en 1920, onde deu a coñecer moitos dos seus textos. Entre
eles resulta especialmente significativo "Dos nosos
tempos" (aparecido no primeiro número), onde se
dá conta da evolución do colectivo dos "inadaptados".
Catro anos máis tarde, o ourensán sumouse a un novo proxecto, o
Seminario de Estudos Galegos, que xurdira un ano antes. Nesta
institución Cuevillas fíxose cargo, como director, da sección
de Prehistoria, fornecéndoa de valiosísimas investigacións até a sublevación militar de 1936, que paralizaría toda a
actividade galeguista.
Tras a guerra o ourensán continuou
a publicar os resultados de diferentes pesquisas sobre a nosa
prehistoria (La civilización céltica en Galicia, de
1953, unha actualización de "A Edade do Ferro na
Galiza"), aínda que unha doenza dificultaría en grande
medida a realización de excavacións. Dedicouse especialmente á
análise da cultura castrexa a partir dos restos arqueolóxicos e
dos documentos de historiadores e xeógrafos grecolatinos. En
contraste co talante predominantemente creador dos seus
compañeiros de xeración, Cuevillas distinguiuse por unha
produción eminentemente científica. Porén, o seu cultivo da
prosa e do ensaio literarios sitúano entre os protagonistas do
desenvolvimento das letras galegas. Baixo o
título de Prosas galegas a Editorial Galaxia
compilaría postumamente (1962) un conxunto de textos literarios,
ensaios de carácter científico e divulgativo, textos
arqueolóxicos e semblanzas de escritores redixidos polo autor.
Cuevillas faleceu en Ourense en
1958, dous anos despois de se retirar. Considerado o pai dos estudos prehistóricos de Galiza, foi da súa autoría o
apartado de "Prehistoria" da Historia de Galiza
(1973), dirixida por Otero
Pedrayo.
|