Francisco Carballo
Son de Celeiro de Asadur
(Maceda-Ourense). Nacido o 8-III-1925. O cuarto de sete irmáns (catro homes,
tres mulleres). Vivimos seis (catro homes e dúas mulleres).
Lembro a miña infancia como inocencia, xogo e escola.
Fun á escola aos cinco anos; fixen a 1ª Comuñón aos seis. Montei a cabalo
desde sempre porque me levaban de neno e sabía montar desde os tres anos.
Era unha infancia divertida: a escola tenra; as feiras
de Maceda os 4 e os 20, unha ilusión; os xogos na "carreira"
continuos; a familia, un fogar entretido. Perdín, por falecemento, a irmá
maior cando tiña eu sete anos: foi moi amargo.
Aos 11 anos pedín ir estudar aos Milagres un
santuario cunha preceptoría a seis kms. da casa. No 2º curso, no vran, faleceu
meu pai: moi duro trance. Seguín estudos.
Aos 16 anos optei por un noviciado de
"paúles" en Madrid. Catro anos en Madrid máis catro en Cuenca de
estudos filosófico-teolóxicos. No máis puro "nacionalcatolicismo",
nun internado filosófico atroz, mentres o teolóxico resultou amábel.
Presbítero aos 24 anos, 3-VII-1949.
Profesor de seminario cursos de filosofía
e estudante de Historia na Complutense (Madrid). Licenciado no 1954 con
Sobresaliente. Iniciei o doutorado a compatibilizar como director do colexio San
Narciso de Marín, 1954-1958. Deste a Barakaldo, 1958-1965.
No 1965 rector do Teologado de paúles en Salamanca.
Renovación teolóxica ao ar do Vaticano II. Así 8 anos decisivos para mudar de
mentalidade.
1973 decidín voltar ao país. Vigo como domicilio;
profesor da E.U. de Maxisterio e horas no Inst. Politécnico. Profesor e
animador cultural, político e relixioso.
Actividade relixiosa na Igresa galega dos
"Coloquios", de Irimia, etc. En Vigo había cregos obreiros e con eles
vivín.
Actividade cultural directa no bairro e na A.C. de Vigo
que presidín uns anos. Cofundador e presidente de Promocións Culturais
Galegas, 1977, editora de A Nosa Terra. En política tomei parte na ANPG e no
BNG.
Como escritor comecei en revistas relixiosas, nos anos
1946-49. Logo publiquei "O Santuario do Monte Medo", que se esgotou,
nos anos 60. Ademais dos libros referidos na bibliografía, en Salamanca editei:
A oración cristiana na "Enciclopedia do Catolicismo e a Congregación da
Misión - PP. paúles, en EPESA. TEÑO VARIAS MONOGRAFÍAS EN NºS EXTRA DE ANT,
ENSAIOS EN REVISTAS INTERNACIONAIS ETC. ESCRIBO SEMANALMENTE NO PERIODICO ANT
RESEÑAS DE LIBROS OU/E COLUMNAS.
DESVELEI A MIÑA INTERIORIDADE EN "CONVERAS CON
FRANCISCO CARBALLO", obra de S. Prol e X. Carballa. A iso me remito. Toda a
miña actividade podo dicir que está sempre arredor da historia, da reflexión
teolóxica e do vivir dun galego crente. Mais amo a montaña, o mar, o silenzo
das noites de luar e os días de choiva quente. Pero só en casos isolados
tentei o ensaio literario e nen siquera o conservo.
Nos artigos en ANT e en varios outros medios, procuro
combinar pensamento e bo expresar. Teño consciencia da lingua galega na que me
ubico e que debo ocoñecer e usar con rigor e estilo.
Conservei o diario "de melancolía e soños"
desde os 16 anos, que, aos sesenta, botei ao lume; gardo algo dos anos 1963 e
seguintes. Nos anos 1990 redactei unhas Memorias que serviron a Prol e Carballa
para as "Conversas"; de vez en cando prosígoas.
Vivo no Morrazo desde que me xubilei como profesor.
Comparto casa con paúles; estou activo: ministerialmente coa pequena Igrexa
galega de Irimia; culturalmente, con colectivos v.g. Fundación Joan Maragall,
Maio Longo (Pontevedra), Pedra Longa (Marín), ANT e outros; intencionalmente,
co BNG. Intento dar remate a unha monografía s. XVI de Galiza e a un ensaio
cristián sobre "inserción do cristinanismo" na nación.
Son asiduo de canto virtual se publica en galego, e non
virtual por suposto; coñecía a BVG e felicítovos por tal facto. Inda que son
da A. de Escritores en LG, non creo literatura e non me considero chamado a tan
egrexia categoría de creadores literarios. Gosto da investigación e acepto o
ensaio como diálogo cos lectores.
|