vb2fdeznaval.html
Ourense
1956. Do río ó mar, e nese tránsito, un universo de vales e de
outeiros, de apertas e de risos, a vida e a súa constancia de
cristal, un arrecendo a bosque, a visión fugaz dunha serea, o
eco dun cantar nos días da memoria. E paxaros, unha extensión
de plumas e de aire, un agoiro e un vágado, a certeza de que as
palabras nos elevan.
Durante a infancia, todos os días
á hora do xantar, a radio Marconi, situada nun estante sobre a
miña cabeza, anunciaba o parte de noticias de radio nacional.
Sempre a mesma música, o mesmo comezo triunfal, e para comer,
para fuxir daquela realidade gris que non comprendiamos, pero que
nos afogaba, miña irmá e máis eu reclamabamos da nai unha
historia. E ela non nos contaba o conto da caperuchiña vermella,
nin pulgarcito, as historias que escoitabamos eran a memoria da
familia, do río, da aldea. Probablemente aí naceu o gusto de
escoitar e a necesidade de contar. Aí e no cine. O meu pai
traballaba no cine que fora do tío Manuel Xesteira. Antes deter
idade para ocupar unha butaca, sentaba eu no chan dun palco e por
un burato que meu pai fixera, e cun só ollo, vía eu as
películas, todas as pelícjlas posibles, unha e outra vez, e
memorizaba as músicas. Realmente, a vida e inferior ó cine na
música. Na pantalla, nos momentos trascendentes da vida, sempre
hai unha música que acompaña ós protagonistas. No palco aquel
ou na cabina, pensando que aquela máquina contiña dentro todas
as persoas e todas as paisaxes que vía na pantalla, acaso
comecei a soñar.
Bolseiro durante todo o
bacharelato, cursando COU solicitei unha bolsa para estudiar
xornalismo en Madrid. Veu denegada, alegando misteriosas razóns
sobre a capacidade económica familiar. Meu pai, vista a
situación, ofreceume o que el podía asumir: estudiar
oposicións á administración, facerme mestre ou procurar un
emprego nun banco. Elixín a función pública, co ánimo de
seguir estudiando. Funcionario dende os 18 anos, defínome coma
un mercenario da administración, logo de ter ocupado unha morea
de traballos. E houbo un momento no que a carreira administrativa
se converteu nun destino. As propostas de traballo colmaban a
cobiza de calquera, e sen embargo, chegado ese momento tomei unha
nova decisión, a literatura, e iniciei o regreso a un lugar que
nunca abandonara. Esa situación está recollida no poema En Ti,
do libro Días de Cera.
Dende o ano 1982, e por decisión
propia, resido na Coruña.
Aínda que empecei escribindo
poemas e pezas teatrais, foi na narrativa onde atopei o mellor
lugar para expresar aquilo que quería comunicar. Sen embargo
nunca deixei de escribir versos. Ler e escribir poesía é unha
necesidade, a certeza de que só ela nos aproxima á intuición
do misterio no que nos movemos, do misterio co que cada un
convive.
|