Francisco María de la Iglesia

(1827 - 1897)

 

 
Obras
Biografía
 
m1fmiglesia.html

     Francisco María de la Iglesia González naceu na Coruña en 1827. Tras realizar os primeiros estudos en Compostela, cursou a carreira de Maxisterio e exerceu posteriormente como mestre na súa cidade natal. Desde entón alternaría o labor pedagóxico coa actividade editorial e literaria, facendo igualmente algunha incursión na arqueoloxía, pola que sempre mostrou un grande interese. Así, creou e dirixiu El diario de Galicia (1856) e fundou, xunto co seu irmán Antonio, a revista Galicia (1863). Como poeta, publicou varias composicións no "Mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos", ordenado polo seu irmán e incluído no Álbum de la Caridad (1862), e en El idioma gallego. Su antigüedad y vida (1886), tamén de Antonio de la Iglesia.
     Mais será grazas á súa produción dramática polo que Francisco María de la Iglesia ocupará un lugar destacado na nosa literatura. En 1882 o Liceo Brigantino Coruñés estreaba a súa obra A fonte do xuramento (1892), primeiro drama escrito "en dialeuto gallego". Nesa altura non se tiñan noticias da publicación en 1849 de A Casamenteira, de Antonio Bieito Fandiño, e menos aínda da existencia da Contenda dos labradores de Caldelas, de Feixó de Araúxo. No seu momento, A fonte do xuramento sentíase, por tanto, como unha obra inaugural. De la Iglesia aínda escribiría para o Orfeón Brigantino da Coruña máis dúas obras de menor importancia que el propio consideraba escenas, ¡A Nosa Terra! e Os Ártabros, ambas musicadas por Pascual Veiga.
     Para alén da escrita dramática, realizou igualmente investigacións sobre a cultura tradicional. Morreu na Coruña en 1897.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega