Nacho Pérez


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb4nachoperez.html


Benquerido amigo Nacho.

     Xa sei, non me berres, non sen tempo paso a contestar a túa carta do quince.
     Á primeira pregunta, si, todas ben, Carmen e as nenas están ben, xa sabes, crecendo, facéndonos maiores; á segunda, non, non hai novidade digna de mención dende a última vez que nos vimos; á terceiro, si, sigo en Gondomar, no instituto. E á cuarta, que remedio! Pero por seres ti, que se non... Xa sabes que isto de escribir nin me gusta nin se me dá demasiado ben, sobre todo cando se trata dun embolado como este no que me metes. Pídesme que lembre para ti unhas pinceladas da túa vida para ilustrar non sei que historia nunha desas páxinas güeb. Pois ben, sexa, por un amigo isto e moito máis, pero atente ás consecuencias; tratareite sen compaixón, coma se foses eu mesmo.
     Para empezar aínda lembro cando te naceron, en Vigo, xa hai a frienta de corenta e sete anos. Si, meu, como pasa o tempo!, lembro que estabamos ás portas do verán do 57 e que eras un cativo moi bonitiño, con moito máis pelo que agora; ben, disto do pelo non me lembro moito, pero contáronmo, por iso che mando esta foto e non outra, para non esquecermos a memoria histórica. Lembro que nos tempos dos Maristas eras moi tímido e non moi bo estudante, o xusto para capear o temporal e pouco máis, todos dicían que te desenvolvías moito mellor nas ciencias que nas letras mais ti dubidabas, alegabas que de letras tamén sabías, e moito, que había unhas que se chamaban vogais, a e i o u, e outras consoantes, b c ch d f, e outras máis que ás veces non eras quen de enumerar. O certo é que acordo con especial agarimo o día aquel en que fixemos a lata porque te negaras a acabar os deberes, unha redacción sobre o que querías ser de maior. Logo foi o bacharelato, maxisterio, tamén en Vigo, e as oposicións; todo por ciencias, e todo porque o home aquel, o psicólogo, emperrenchouse en que eras mellor para as ciencias, bo, el utilizou outra expresión, que "tiñas mellores aptitudes", dixo; non sei, pero creo que para o caso é o mesmo. Lembro as túas primeiras clases, aí si que rompiches a baralla!, un acaso levoute á educación especial e aí quedaches, e mesmo fixeches aquilo da pedagoxía, si, quedaches para sempre entre a rapazada con problemiñas. Ai!, meu!, ti e a túa teima de estar sempre do lado dos perdedores. Aí quedaches e aí segues. Tamén lembro a viaxe a Tinduf, foi no 94, non si? Dixeches que cambiou a túa vida. A calor, o tremendo luar, as caras dos cativos, a afouteza das mulleres, o abatemento, o medo ao avión; a historia, unha parte moi inxusta da historia de España. Foi cando de regreso en casa decidiches poñer todo aquilo por escrito; Xente de fusil, Xente de libros, chamáchelo, pobre inxenuo!, estaría condenado ao baúl se non fose polos bos amigos. Lembro que despois daquilo collícheslle gusto á cousa e continuaches, dicías que resultaba divertido, que o pasabas ben e non facías dano a ninguén; xa ves, ti mesmo, pero nisto tamén deberás aterte ás consecuencias. Lembro que as consecuencias, ás veces, foron ben dolorosas; houbo algún crítico que che recomendou que non publicases Xente, que non estaba maduro, que había que pulilo moito, que o escrito queda escrito e logo te arrepintes... Foi un xeito moi delicado de dicilo pero non che importou. Seguiches adiante, teimudo, alegando que se che sae unha filla fea non tes que tirar con ela, non, debes querela como ás demais e practicar moito para que as seguintes saian mellor. Si, e lembro que foi por mor das fillas que seguiches adiante. Primeiro chegou o de Alba, unha aprendiza de meiga, seica resultou bastante ben porque a editorial quixo máis, e foi a quenda de Carmen e a súa amiga Barbi, que xa está aí, quentiño, e a ver que pasa con ela, a ver se sabe abrirlle as portas a Maruxa. Lembro que polo medio houbo varios proxectos profesionais, algunha colaboración con revistas e tamén varios paus. Lembro o do premio; que foi, no 98?, si, ho, o García Barros con aquela Xustiza pola man na que entrabas de cheo noutra das túas loucuras, a quimera desa xustiza social na que aínda andas de vello; malia gañar inda que fose ex aequo non chegou a publicarse. Ti non o entendías, non comprendiches o complexo mundo editorial, escudábaste detrás daquela falacia: se non tes nome non publicas, pero non chegas a ter nome se non es publicado. Xa ves, algo deso hai pero tamén moito máis. Así que, xa sabes!, a seguir traballando e non te desanimes, non deixes de tentalo. Saúdos a todos por aí. Bicos de mel. Nacho.

[Agosto, 2004]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega