Johán Vicente Viqueira

(1886 - 1924)

 

 
Obras
Biografía
 
Viqueira

     Johán Vicente Viqueira López-Cortón naceu en Madrid en 1886 no seo dunha familia liberal e culta de orixes betanceiras, mais axiña foi transladado á Galiza, primeiro á Coruña e máis tarde á quinta familiar de San Fiz de Vixoi (Bergondo), onde moraría até os doce anos en contacto coa nosa lingua.
     Tras un tempo no Colexio Secundarista de Betanzos, en 1898 dislocouse a Madrid para estudar na Institución Libre de Enseñanza. O paso pola ILE deixou en Viqueira unha importante pegada que determinaría a súa traxectoria posterior.
     Con quince anos viaxou a París —cidade á que terá que voltar en varias ocasións, circunstancia que aproveitará para asistir a cursos da Sorbona— en procura de diagnóstico e curación dunha doenza ósea que nunca superaría e lle provocaría a morte antes de cumplir os cuarenta e oito anos. Nos constantes períodos de repouso aos que se viu forzado Viqueira aproveitou para obter o título de bacharel, estudar música e ler sen descanso.
     En 1911 licenciouse en Filosofía pola Universidade de Madrid e viaxou a Alemaña cunha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudos da Institución, asistindo a seminarios de Psicoloxía e Pedagoxía en diferentes universidades. Co inicio da I Guerra, sendo xa doutor en Filosofía, decidiu completar a súa formación en Inglaterra, onde só ficaría uns meses.
     De novo en Madrid, impartiu aulas na ILE e en 1917 gañou a cátedra de Filosofía no Instituto de Compostela. Regresou así á Galiza, onde xa gañara sona polas súas publicacións á volta de temas pedagóxicos e psicolóxicos, entrando en contacto coa Irmandade da Fala compostelá. Ese mesmo ano descubriu a cultura de alén Miño na súa viaxe de vodas (nacendo un interese por Portugal que o levaría a manter estreitos lazos con destacados intelectuais do país veciño) e conseguiu unha permuta para A Coruña. Nesta cidade incorporouse á Irmandade local e iniciou a súa colaboración en A Nosa Terra publicando artigos sobre teoría nacionalista, educación (propón a galeguización do ensino e a incorporación plena da muller), a necesaria normalización da lingua e a reforma ortográfica (decantándose pola grafía histórica). Tamén apareceu na revista Nós un ensaio da súa autoría ("Pensamentos para unha universidade galega"), máis dous en A Aurora do Lima, de Viana do Castelo, así como doce poemas e varias traduccións na revista Ronsel, de Lugo.
     A pesar das constantes recaídas na súa doenza —que o levaron ao pazo familiar de Vixoi—, Viqueira mantivo nesta altura unha intensísima actividade intelectual: ministra aulas, publica investigacións sobre as súas especialidades, realiza traducións para o español de Hume e Vorländer, toma parte en mitins nacionalistas e dá palestras sobre educación. Asimesmo, promove xunto con Antón Villar Ponte un proxecto de publicacións que será o alicerce da futura Editorial Lar (1924), difunde a literatura portuguesa na Galiza e fornece as que serán as bases programáticas da I Asemblea Nacionalista de Lugo en materia educativa.
     En 1924, pouco antes da súa prematura morte, Viqueira foi nomeado correspondente polo Instituto Histórico do Miño. Seis anos máis tarde, os seus amigos darían ao prelo Ensayos y poesía, en que se recollían textos até entón inéditos. A obra sería acrecentada na reedición feita por Galaxia cincuenta anos despois do seu pasamento: Ensaios e poesía (1974). Tamén nese ano publicou a Real Academia Galega Escolma de traballos, mostra das súas renovadoras ideas.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega