Manuel Álvarez Torneiro


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb1malvareztorneiro.html

     Nacín na cidade de A Coruña o día sete de Xullo do ano 1932. Orfo de nai dende os tres anos. Teño un irmán trece meses maior que reside no extranxeiro. Vivín case tres anos na cidade de Lugo, na casa dos meus tíos que non tiñan fillos. De volta na Coruña, a miña casa foi a dos meus padriños. Asistín —irremediablemente— á escola fascista: crucifixo, retrato de Franco e regra que caía iracunda e de canto nas palmas das mans cando o castigo. Máis adiante cursei estudios na Escuela Superior de Altos Estudios Mercantiles na miña cidade natal. Despois de desempeñar varios traballos para axudar á economía familiar entrei a traballar no xornal La Voz de Galicia, onde pasei 25 anos.
     Dende os 17 ou 18 anos, escribir poesía foi para min unha necesidade. Fun un dos fundadores do grupo poético "Amanecer" na década dos cincuenta. Os primeiros versos non pasaron de ser exercicios líricos en castelán para revistas que se publicaban en Madrid e en Barcelona.
     A cultura por aqueles anos da infamia, da longa posguerra que tamén perdimos, era imposta na lingua de Cervantes. Por outra banda, esta mesma lingua era a dominante na miña casa, a que falaban os meus e a gran maioría da xente coa que me relacionaba.
     O galego, como lingua de expresión poética chegou máis tarde, cando eu xa estaba "ilustrado" por autores de fóra, "marcado" por eles. Non oculto as influencias que recibín de Pablo Neruda, de César Vallejo, de Vicente Aleixandre, de certo Lorca, etc. Residencia en la Tierra, por poñer un exemplo, foi un deslumbramento; enseñoume a sentir, a ver, a pensar poeticamente. Tamén hai -como non- outros moitos autores na miña sensibilidade. E hai músicos e hai pintores. A nómina de todos sería moi longa.
     Teño publicados dous libros en castelán (non sei se esto será un pecado) e nove en galego. Ata os 50 anos cumpridos non din ó prelo o meu primeiro poemario, Memoria dun silencio (1982). Logo, cada ano botei a andar un libro dos que non me arrepinto en absoluto.
     Os antólogos sitúanme na Xeración das Festas Minervais, na primeira promoción da poesía de posguerra: os nados entre 1928 e 1942. No prólogo ó libro As doazóns do incendio, o profesor Basilio Losada apunta: o que vele na poesía de Torneiro é o poema, non é un verso illado, e menos unha palabra-fetiche. Veñen os versos e as palabras nestes poemas sen desaxustes semánticos, traballadas con sutileza e emoción. Con verdade, sen grandes sorpresas nin fulgores irritantes.
     Teño no meu haber algúns importantes galardóns como o Premio Esquío (1994), o González Garcés (gañado en dúas ocasións: anos 1998 e 2000) e o Premio da Crítica Española (1999).
     Hai na miña última producción un tema recurrente: a memoria, que dicta unha sorte de variacións sobre un só tema. Debo afirmar que creo no poder da palabra, nas potencias da beleza. Aínda escribindo en prosa sempre remato caendo polo escotillón da lírica que procuro afinada ó máximo.
     Escribo contra o mundo e a favor da Vida. Como poeta, creo na utopía.

[Febreiro, 2002]
 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega