mb2curros.html
Manuel
Curros Enríquez integra, con Rosalía e
Pondal, a grande tríada
dos clásicos do XIX. Naceu en Celanova, en 1851, de onde fuxiu
á idade de quince anos por mor das tensas relacións familiares.
Instalouse en Madrid a fins de 1866, cidade en que se fixo bacharel e
comezou a carreira de Dereito, ao tempo que se implicaba na vida
política e colaboraba na imprensa. Nesta época, tanto a través
da súa obra xornalística como da literaria, podemos ver a
ideoloxía republicana e progresista de Curros que, como moitos
intelectuais da súa época, acreditaba en que o progreso
científico, o dereito e a educación traerían a felicidade a
todos os homes. O seu ideal de goberno era unha democracia
burguesa, laica e progresista, e de aí o seu anticlericalismo,
posto que a Igrexa era un dos piares máis fortes de oposición a
este sistema. A súa relación neste período coa lingua e a
cultura galega era simplemente afectiva, de feito compuxo "A
Virxe d'o Cristal", "O gueiteiro" e "Unha
boda en Einibó" para as presentar a un concurso por
petición da nai. O concurso fallouse en 1877, ano en que Curros
se instalaba en Ourense como funcionario na Delegación de
Facenda.
Nesta etapa ourensá, o noso poeta
poderá aplicar á realidade galega a súa ideoloxía
progresista, e este confronto aproximará Curros aos
rexionalistas. Aquí compuxo o seu poemario Aires d'a miña
terra, que saía do prelo en 1880 e alcanzou inmediatamente
un enorme éxito, acrecentado pola denuncia do bispo de Ourense,
que solicitaba que fose confiscado e que o incluía no índice de
libros prohibidos. Curros foi xulgado e absolto. A obra sería
reeditada en 1881 e en 1886 con novas contribucións poéticas.
Cesado no seu posto de Facenda en
1883, Curros volveu instalarse en Madrid. Alí traballou como
xornalista, primeiro en El Porvenir e despois en El
País, ao tempo que preparaba O divino sainete, que
saiu do prelo en 1888. A crítica española recibiu este novo
libro con eloxios, mais os amigos rexionalistas de Galiza
cubriron a publicación cun veo de silencio. A pesar diso, Curros
era un poeta recoñecido e foi coroado en Madrid, en 1893.
Quizá por motivos político,
quizá por motivos económicos e profesionais, en 1894 Curros
emigrou a Cuba. Alí dirixiu La Tierra Gallega e, cando
esta publicación desapareceu, entrou na redacción de El
Diario de las Familias, e despois no Diario de la Marina.
A súa estancia cubana coincidiu co momento máis activo do
movemento independentista, o que o levou a reflectir sobre o
imperialismo; de feito, en Cuba espallou os ideais de
rexeneración para Galiza e todas as iniciativas culturais: era
xa máis rexionalista que republicano.
A clareza e enerxía con que
defendía o seu ideario, a súa rebeldía, creáranlle problemas
ao longo de toda a súa vida, e a situación volveu repetirse na
emigración cubana: fora acollido con entusiasmo e acabou
enfrontado con case todo. En 1904 volvía á Coruña, quizá coa
intención de ficar. Foi recibido de novo con mostras de
entusiasmo, coroado por segunda vez, mais non se lle deron
facilidades, nin en Madrid, nin en Galiza, para establecerse. No
poema "N'a tumba de Rosalía", Curros deixaba o seu
testamento ideolóxico. Regresou a Cuba, onde morreu en 1908.
Fundación
Curros Enríquez
|