Manuel Lourenzo González


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2mlourenzogonzalez.html

     No tempo da Universidade, Compostela adiante, formeime en Pedagoxía, circunstancia que provocou unha prolongada indefinición na miña vida profesional. Vía oposición, pasei sete anos deambulando por todos os cursos da daquela chamada Educación Xeral Básica. Unha segunda oposición levaríame á Educación Secundaria, corpo no que presto servizo na actualidade como profesor de Lingua Galega e Literatura nun instituto de Pontevedra. No ano 2009, mesmo accedín ao Corpo de Catedráticos de Ensino Secundario.
     En tempos, viaxei e coñecín mundo. A música, a pintura, o teatro, as revistas, a xente, as cidades, tamén as invisíbeis, as flores á beira da estrada. As preocupacións compartidas da xeración que naceu co rock and roll. Antes, o franquismo, esa longa noite. A resistencia, a acción. O servizo militar, a Universidade, a contracultura. A compañía e a soidade por igual. As experiencias, todas as posíbeis. Tamén a revolución soñada, o futuro. En distintas épocas, debuxei banda deseñada, actuei en teatro, tanxín a gaita, politiqueei, promovín revistas fanzinerosas, lin e relín, coidei plantas, escribín versos primarios sobre a pel da auga. Lembro que, moito antes, fun un neno de aldea e vivín experiencias que me vincularon para sempre á patria máis antiga: o soño. Todo iso algún día foi real coma a vida mesma; agora son as vagas dun mar interior do que me nutro sen sabelo.
     Actualmente teño unha familia, un coche, un televisor. Pero as afeccións polas que me movo seguen a mesma liña ondulante e vizosa. Á bagaxe acumulada engadín durante ben tempo o hábito laborioso de participar na organización de eventos, xa fose co meu alumnado ou como membro de asociacións culturais e pedagóxicas: xornadas educativas, encontros, exposicións, teatro, ciclos culturais, salóns do libro, contos viaxeiros... Camiños que se foron andando e que deixarán pouso en algures.
     E hoxe, a aventura literaria. Comezou, coma tantos casos, pola vía dos concursos; logo foi un empeño feliz e hoxe é unha necesidade coma o respirar, ou case. Cultivo a narrativa de adultos, con varios libros de relatos curtos publicados mais dúas novelas, aínda que me sinto especialmente cómodo como creador de literatura xuvenil e de contos para cativos. Uns e outros libros mesturan variados temas, subxéneros, tratamentos, estilos, puntos de vista e demais teimas clasificadoras, baixo a idea esencial de que o mundo é así de diverso. Tamén me chamou o teatro, cun par de títulos na rúa, e o ensaio no ámbito da didáctica da lingua. Preto do mundo do xornalismo, veño publicando textos humorísticos sobre temas de actualidade na revista mensual Retranca desde o seu número 2, de decembro de 2007. Asemade, manteño aberto un blog de carácter literario co nome de "Batume". Daquela, a poesía é, polo de agora, o fértil campo sen cultivar, a porta sen abrir, o misterio sen resolver.
     En total, ao longo de vinte anos publiquei as dúas ducias de libros que se mencionan no apartado bibliográfico, algúns deles recoñecidos con premios (Maio Literario, O Facho, Carvalho Calero, Café Dublín, M. García Barros, Estornela, Narrativas Quentes, Merlín, Xerais de Novela...) e mencións como finalistas (Torrente Ballester, Cidade de Lugo, Pedrón de Ouro, Escola Dramática Galega, Barco de Vapor, varios Merlín...), que me producen unha moderada satisfacción, relativizada pola esperanza de que, aínda que resulte tópico, a grande obra aínda estea por vir.
     A literatura. Actualmente é unha parte da miña vida, unha parte importante; pero non é todo. O resto é a vida mesma.

[Maio, 2009]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega