María Mariño Carou
naceu en Noia o 8 de xuño de 1907. De familia humilde, -era a
segunda de cinco irmáns-, deixou moi nova a escola para exercer
como costureira. As prementes necesidades económicas en que vive
a súa familia obrígana a se trasladar ao Pazo de
Goiáns, en Escarabote (Boiro), onde morou un tempo cunha
súa tía que traballaba como costureira. É
precisamente esta circunstancia a que lle permite entrar en contacto
coa literatura escrita, na magnífica biblioteca de que o pazo
dispón, accedendo a lecturas con que enriquecerá a
súa formación e sensibilidade.
A autora noiesa vive parte da guerra civil española en Algorta
(Biscaia), e posterioremte escribirá, produto das lembranzas
desta traxedia, o relato inédito “Los años pobres.
Memoria de guerra y posguerra“. Finalizada a guerra civil contrae
matrimonio con Roberto Posse Carballido, destinado ao País Basco
pola súa profesión de mestre. Alí tiveron un
fillo, que faleceu ao mes e medio de nacer. Esta morte, á que se
uniu a da súa mai, provocaría en María
Mariño unha fonda depresión nerviosa. De regreso á
Galiza e tras un tempo en Arzúa, instaláronse no Courel,
primeiro en Romeor e posteriormente en Parada.
En 1953 coñeceu a
Uxío Novoneyra, quen se
convertiría nun forte estímulo para María
Mariño comezar a escribir e a través do que
superaría o illamento en que vivía, entrando en contacto
con outros escritores como
Manuel María, Domingo García Sabell, Victoria Armesto, Sixto Seco, Augusto Assía ou
Ramón Piñeiro. No entanto, a súa relación
con persoas vinculadas ao ámbito cultural galego son escasas e
en grande parte promovidas por Novoneyra. En 1963, a editorial Celta de
Lugo publica
Palabra no Tempo, con prólogo de
Ramón Otero Pedrayo, e só vinte e sete anos despois coñeceremos
Verba que comenza
(1990), con poemas escritos nos últimos meses de vida. Á
métrica tradicional do primeiro poemario sucederase o
versolibrismo en Palabra no Tempo, cunha constante ao longo de toda a súa traxectoria: intimismo radical e liguaxe rupturista.
María Mariño morre o 19 de maio de 1967 como consecuencia
da leucemia que padecía, converténdose nunha figura
literaria de enorme orixinalidade na historia das nosas letras.