Conchi Regueiro


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2conchiregueiro.html

     Son de Lugo pero vivo en Tui, galega de orixe e nacemento, pero cun vintecinco por cen de sangue andaluz; de profesión, asistente social, pero traballo no eido da formación, de natureza prosaica pero coa miña mente deslízandose sempre na busca de imaxes e metáforas precisas e incluso luminosas, fría pero permanentemente enervada... A escritura, por tanto, tiña que formar parte de min como o adhesivo perfecto para as variadas caras desa realidade que ás veces deixa tan pequenos tódolos esforzos por artellar novas historias, é outro rasgo máis da miña fisonomía como a cor de ollos ou o meu nariz e acabou por converterse na fiel compañeira que non cansou de min nin cando paseei polas dúbidas e cansanzos propios dos nosos tempos, que xa é paciencia. O destino tivo a ben regalarlle dous premios literarios e unha mención especial aló no sur, co que a súa paciencia medrou un pouco máis, e xa non digamos cando por fin publicaron a novela e os "tempos agradables" do título foron de verdade pracenteiros, o agasallo perfecto que xustifica todo o camiño ata o momento. En resumidas contas, aquí estou, por fin.
     Ignoro o que é a vella vida rural, o que son os recordos saudosos da nenez, ou o que é a busca da emoción en párrafos sublimes, cousas que non debedes indagar nas miñas páxinas, é un esforzo inútil. Pola contra, interrogome continuamente sobre as contradiccións e as posibilidades de todo o que nos está a engulir neste presente e, quizais, neste futuro que xa ten empezado a andar. Asáltanme imaxes estrañas, que evolucionan a historias normais e invaden a miña obra como conquistadoras do ordinario e do extraordinario, porque, ó fin e ó cabo, ¿qué ten de estraño que agora me leades na vosa pantalla, que lembredes o voso voto nas derradeiras eleccións ou que biquedes ó voso amor sen a beizón oficial ou eclesiástica? É o máis normal, ¿qué ten de normal a nosa amnesia da historia, a nosa anestesia polo que pasa, a nosa falta de gusto ante a invasión de afeccións prefabricadas? É o máis estraño.

[Decembro, 2002]


¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega