Miguel Suárez Abel

(1952 - 2017)

 

 
Obras
Autobiografía
 
vb2miguelsuarezabel.html


ESCRIBO PARA NON TER FRÍO

     Maria Zambrano dicía que escribir é "defende-la soidade na que se está, é unha acción que só agroma desde un illamento efectivo, pero desde un illamento comunicable, no que, precisamente pola distancia de toda cousa concreta, se fai posible un descubrimento de relación entre elas". O acto de escribir seria, entón, unha soidade compartida, unha interiorización cara fóra, un intento de estructuración do caos para volver de novo a el. Sen embargo, a maioria do escritores, menos afeitos á finura lóxica da tenra filósofa, diante da pregunta de por que escriben dan respostas para tódolos gustos.
     Así, por exemplo, Vázquez Montalbán ten dito que empezou a escribir "porque quere ser grande, rico e fermoso"; Severo Sarduy porque non soportaba o baleiro; Onetti porque coa escritura realiza "un acto amoroso que me dá pracer"; Roa Bastos "para evitar que o medo da morte se agregue ó medo da vida"; Alvaro Mutis "por asco de min mesmo e do mundo"; Henri Michaux "para que o real se volva inofensivo" e outros, coma Sciascia ou François Sagan, simplemente porque lles gusta e os fai gozar.
     Todas estas razóns, como diría Benedetti a quen lle roubo as citas dun artigo titulado "La soledad comunicante", teñen labras de verdade na miña propia razón de escribir. Porque se certo é que algunhas veces só escribimos para gana-la vida como xa dixera Faulkner (no seu caso para whisky, tabaco e cabalos), outras, a maioria, perseguimos taponar con panos de cores o caneiro cheo de onde abrolla a vida, non para tapala, senón para mellor quedar enchoupados dela. Por iso na escrita depositamos tenrura, pracer, necesidade, coñecemento, poder e rebelión; e as palabras dos escritores traducen o conflicto, o medo, a esperanza, a ansia de eternidade, a soidade cantada e chorada para que os outros se recoñezan e gocen con elas.
     Eu sempre pensei que escribía por razóns semellantes ás que manifesta García Márquez cando di que o fai para que os seus amigos lle queiran máis. Porque escribir é un acto de amor, de comunicación, que non resulta pleno se non acada o recoñecemento e a reciprocidade do amado. De aí que cando un escribe nunca recibe a resposta proporcionada ó que agarda, experimentando un baleiro de tristura e frío. Pero, curiosamente, canto máis frío se sente despois do último escrito —e algunhas veces un queda frio coma a morte—, máis carraxe lle entra para continuar, porque se cadra tódalas razóns desembocan en que a alma non aprende como ben entendera Stendhal; que escribo só para saber por que escribo, como dixo José Donoso; ou en recoñecer que, coma Rachid Boudjedra, polo que realmente escribo e para non ter frío.

[Xullo, 2003]
 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega