Raúl Dans


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2rauldans.html

(A Coruña, 1964)

     Dans inicia a súa andadura como escritor nas emisoras de RNE e RCE, das que foi guionista de programas de ficción.
     Intégrase na Compañía Luís Seoane e actúa en montaxes escritas e dirixidas por Manuel Lourenzo. No ano 1988 protagoniza O mozo que chegou de lonxe de J.M. Synge, unha producción do C.D.G. dirixida por Mario Gas. Viaxa a Barcelona, onde se forma como autor teatral e guionista de cine en seminarios impartidos por José Sanchis Sinisterra, Robert Mc Kee, Simon Feldman...
     Actor e director de dobraxe, guionista de televisión, escribe as curtametraxes Ondada, O Proceso e Exterior-día (Premios Obradoiro na Rúa 1997), e máis recentemente Fragmentos, guión de longametraxe subvencionado pola Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.
     Dramaturgo da chamada Promoción dos noventa que, en palabras de Manuel Vieites, inicia a súa aventura creativa nun momento de verdadeira bonanza para o teatro galego e, consecuentemente, para a creación dramática, Raúl Dans é o autor do Manifesto do Teatro Galego do ano 1998, no que reivindica un espacio de liberdade para o teatro, unha arte necesaria para sobrevivir.
     Ademais dunha incipiente obra narrativa, ten escrito unha chea de ensaios e ponencias de reflexión sobre a escritura teatral e cinematográfica.
     O día 3 de marzo de 1999 o Centro Dramático Galego estrea no Teatro Colón de A Coruña a súa obra Lugartexto dun dos máis audaces dramaturgos de hoxe (Antón Lopo)—, nunha montaxe dirixida por Antonio Simón. A denuncia da intolerancia e da intransixencia, o mudable da condición humana, a reflexión sobre o destino (como en Cita co Diaño), ou o fracaso son, ademais do conflicto de relacións home-terra e campo-cidade (presentes tamén en Matalobos ou Estrema), algúns dos temas tratados en Lugar, sinala Dolores Vilavedra no seu Diccionario da Literatura Galega. Con Lugar, aventura X. M. Fernández Castro, ábrese no autor unha liña de investigación máis persoal: a síntese no formal e a intimidade no temático fan que vaia deixando os modos do carpinteiro teatral para adquirir progresivamente carta de poeta dramático.
     Segundo Mª José Ragué-Arias, Raúl Dans caracteriza a súa escritura coa dobre vertente das súas raíces galegas e dunha temática e unhas formas que se inscriben nas tendencias das novas dramaturxias españolas dos 90.

[Febreiro, 2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega