Raimundo García Domínguez "Borobó"

(1916 - 2003)

 

 
Obras
Biografía
 
mb4xocas.html

     Raimundo García Domínguez, "Borobó", naceu na vila de Pontecesures (Pontevedra), o 10 de xullo de 1916. Estudou Filosofía e Letras (Sección de Historia) na Universidade de Santiago de Compostela, e durante a Guerra Civil defendeu en todo momento a legalidade republicana, chegando mesmo a loitar neste bando contra a ofensiva falanxista e a estar preso por este motivo.
     Unha vez rematado o conflito bélico, "Borobó" participou na reconstrución da Frente Popular na clandestinidade, e xa por este tempo comezou a destacar polo seu labor xornalístico, malia en todo o momento as autoridades franquistas o vixiaren de preto. Durante a súa vida xornalística utilizou pseudónimos como Xulio Sierra, Raimundo Lozano, Don Galego, Borobó etc., e mesmo o heterónimo Anxelo Novo, ex-conde de Grovas, trostkista e funcionario depurado de Estadística. Publicou os seus primeiros artigos no xornal vespertino compostelán La Noche nos anos corenta, chegando a ostentar a súa dirección. Nesta publicación levou a cabo un comprometido traballo de difusión da cultura galega dando acollida a autores vinculados co galeguismo de preguerra como Ramón Otero Pedrayo ou Francisco Fernández del Riego. Con posterioridade, fundou a revista Chan, en 1969, e dirixiu publicacións como El Correo Gallego, mantendo en todo momento unha grande fidelidade á escrita xornalística. Aínda colaborou en La Vanguardia, ABC, Informaciones, Pueblo, El País, El Imparcial, El Sol ou La Tarde. Creador da columna diaria "Anacos" (primeiro en La Noche durante dezanove anos e retomada na década de 80 en La Voz de Galicia e El Ideal Gallego), concibe unha nova forma de organizar o artigo xornalístico desde a precisión e a ironía, mais con condicionamentos como a censura. É debido a este factor, considera Gustavo Luca de Tena, que "Borobó inventou os anacos para un xornalismo á defensiva no que o texto tiña que ser delgado, estreito, de baixa intensidade, escrito coma por un chosco a fitar o número de autobús entre a poalla. A verdade é que esta mínima narrativa estaba medida para cruzar a malla do salabardo da censura e as veces nin por esa pasaba".

     Expoñente de excepción do xornalismo cultural e literario, Borobó é autor dun importante número de obras, entre as que se contan O libro dos exemplos (2003), A Cantora do Sar (1999), O Reiseñor de Trasalba (1997) ou Daniel, o noso (2000). Estas dúas últimas obras poñen en relevo a condición de biográfo do noso autor, arredor das figuras de Don Ramón Otero Pedrayo e Castelao respectivamente. Outras obras salientábeis son O novelo dos anacos e outros exemplos (2002), O Cesures de Don Víctor (2003) ou A nascencia do socialismo en Galicia (2001).
     Como recompensa ao seu traballo, recibiu numerosos premios e condecoracións, como a de ser Fillo Adoptivo de Boiro e a de Fillo Predilecto de Pontecesures. Foi nomeado postumamente Fillo Adoptivo de Caldas de Reis en agosto de 2006. Así mesmo recibiu o premio Julio Camba de Xornalismo, o Pedrón de Ouro, os premios Trasalba e Roberto Blanco Torres e mais a Medalla Castelao, outorgada pola Xunta de Galiza.
     Pouco antes de falecer no ano 2003, Borobó puido ver publicado por Ediciós do Castro o volume Homenaxe a Borobó, en que corenta autores trazan unha semblanza do xornalista.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega