Ramón Cabanillas

(1876 - 1959)

 

 
Obras
Biografía
 
mb2rcabanillas.html

     Ramón Cabanillas Enríquez naceu en Fefiñáns (Cambados, Pontevedra) no ano 1876. Despois de abandonar a carreira eclesiástica en Compostela, regresou a Cambados, onde traballou como funcionario do Concello. Incansábel lector, foi un autor decididamente monolingüe, de grande proxección pública, que xogou un papel determinante na superación dos moldes do Primeiro Renacemento malia comezar a publicar a idade avanzada. Con trinta e catro anos emigrou a Cuba, onde residiu entre 1910 e 1915. Alí coñeceu a Basilio Álvarez que o gañou para a causa agrarista. Na Habana publicou No desterro (1913) e Vento mareiro (1915).
     De volta á Galiza, traballou en varios concellos do país e coñeceu a loita agrarista. O compromiso co proxecto das Irmandades da Fala levouno a colaborar asiduamente en A Nosa Terra, converténdose na voz lírica do movemento. Inicialmente próximo a posturas tradicionalistas, axiña partillou as teses de Vicente Risco, cuxo proxecto estético e cultural influiría decididamente na súa produción posterior. Foi aclamado como Poeta da Raza e utilizou os seus poemas ao servicio da construción nacional, abandonando os ecos intimistas presentes na súa primeira poesía. Así, en Da terra asoballada (1926) e nas novas edicións dos poemarios publicados na Habana, Cabanillas mantivo unha actitude educadora. Pretendeu conscienciar o pobo e achegalo ao nacionalismo. Con estes mesmos obxectivos redixiu, a instancias de Antón Vilar Ponte, a peza dramática A man de Santiña (1921). En colaboración con el comporía en 1926 a traxedia histórica O mariscal.
     Tamén en 1921 viu a luz o poemario Na noite estrelecida, onde, seguindo as teorizacións de Risco, Cabanillas reelabora mitos do ciclo artúrico que funcionen como símbolos produtivos. Porén, recuperou o lirismo intimista en 1927 no poemario amoroso A rosa de cen follas.
     En 1920 foi elixido membro da Real Academia Galega, onde leu un discurso titulado "A saudade nos poetas galegos". En 1929 faría o propio na Real Academia Española cun ensaio sobre Eduardo Pondal. Instalado en Madrid desde a súa incorporación a esta institución, o poeta atravesou un longo período de silencio que rompería a finais da década dos 40 con Camiños no tempo. Comeza entón unha nova etapa en que viron a luz Antífona da Cantiga (1951), Da miña zanfona (1954), Versos de alleas terras e tempos idos (1954) e Samos (1958), o seu último libro publicado en vida. Faleceu en Cambados en 1959.
     Autor de rápido recoñecemento popular e académico, Cabanillas conduciu a nosa poesía cara á modernidade e a súa obra foi considerada desde os primeiros momentos dentro do canon da literatura galega, a pesar de se presentar tan diversa que fai difícil a adscrición do escritor a unha corrente ou xeración.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega