Ramón Mariño Paz


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2ramonmarinho.html

     Ramón Mariño Paz naceu en Balbargos (Noia) o 8 de abril de 1962 e actualmente é Profesor Titular da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela. Entre 1986 e 1991 foi profesor de lingua galega na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB de Ourense e desde 1999 é o director do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela.
     En 1984 comezou a colaborar co Instituto da Lingua Galega, organismo universitario no que en breve tempo había de integrarse máis plenamente. No ano 1986 participou nos traballos da súa Sección de Linguaxe Administrativa, da que sairían uns Cadernos de Documentación Municipal (1986-1988) e un Léxico da administración castelán-galego (1991). Desde 1992 colaborou como investigador principal no proxecto de investigación do ILGA denominado Historia do galego escrito, co que se poden vincular algúns dos traballos que publicou na década dos noventa: "Sobre o uso dos grafemas <b>, <u> e <v> en textos do galego medio" (Cadernos de Lingua 15, 1997), "Sobre a elaboración do galego escrito polo Padre Sarmiento" (Actas do Congreso Internacional do Tricentenario de Fr. Martín Sarmiento (1695-1995), Santiago, 1997), "O galego medio (sécs. XVI-XIX). Tentativa de caracterización e delimitación" (Atti del XXI Congresso Internazionale di Linguistica e Filologia Romanza, Tübingen, 1998), etc.
     Despois de dedicarse durante uns anos á lexicografía (colaborou na elaboración do Diccionario normativo galego-castelán de 1988 e mais na do Diccionario escolar Galaxia de 1989), durante os anos noventa e os inicios do novo século centrou o seu labor investigador nos eidos da historia e a gramática histórica da lingua galega. Os resultados desta investigación foron aparecendo en revistas coma Verba, Cadernos de Lingua, Revista Galega de Filoloxía, Estudios de Sociolingüística, A Trabe de Ouro e Grial, así como en libros colectivos de diverso tipo. En 1995 publicou unha edición do Coloquio de vintecatro galegos rústicos do Padre Sarmiento que se acompaña dun estudio en que se analizan algúns dos principais cambios lingüísticos experimentados polo galego entre o período medieval e o século XIX. Con todo, o principal froito do labor que desenvolveu ó longo destes anos é a súa Historia da lingua galega (Santiago, 1998), onde as cuestións relativas á historia social da nosa lingua se combinan coa exposición dos cambios lingüísticos que experimentou desde as súas orixes ata a actualidade.
     No ano 2001 publicou o libro Eladio Rodríguez e a cultura galega, onde analiza o papel desempeñado por este rexionalista no mundo cultural galego das primeiras décadas do século XX concedendo especial atención ás súas actividades como presidente da Real Academia Galega, á súa producción poética e ó seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano.
     Desde 1994 comparte con Ramón Lorenzo, Antón Santamarina, Mercedes Brea e Jesús Pena as tarefas propias do comité de redacción da revista Verba (Anuario Galego de Filoloxía), creada en 1974 na universidade compostelá por persoas vinculadas ó Instituto da Lingua Galega.

[Xuño, 2003]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega