Ramón Otero Pedrayo

(1888 - 1976)

 

 
Obras
Biografía
 
m1oteropedrayo.html

     Don Ramón Otero Pedrayo naceu en 1888 en Ourense, no seo dunha familia fidalga, culta e liberal. Cursou o Bacharelato en Ourense e a licenciatura en Dereito e Filosofía e Letras en Madrid. De volta á súa cidade natal pasou a ser unha das figuras máis dinámicas do ambiente cultural do Ateneo, xunto con Vicente Risco, Florentino Cuevillas e Primitivo Rodríguez Sanjurjo. Con este grupo, completamente desligado da cultura e política galegas, Otero dará os seus primeiros pasos na literatura, intervindo na redacción da revista La Centuria (1917-1918).
     Pouco despois, a instancias de Antón Losada Diéguez, o grupo tomaba consciencia da problemática do país e ingresaba nas fileiras do galeguismo. En 1919, Otero gañou as oposicións a cátedras de ensino medio e axiña foi destinado ao Instituto de Ourense. A partir de agora vai dedicarse ao cultivo das nosas letras nos ámbitos máis diversos, distinguíndose como un dos máis insignes polígrafos galegos. Colabora en diferentes xornais e revistas, desenvolve unha intensa actividade na sección de Xeografía e Historia do Seminario de Estudos Galegos e principia o seu labor como escritor. A súa primeira obra narrativa foi a novela curta Pantelas, home libre (1925), á que seguirán Os camiños da vida, Arredor de sí, A romaría de Xelmirez... Tamén cultivou Otero o relato breve e o ensaio, fundamentalmente de carácter histórico, xeográfico e literario, ao tempo que se revelaba como orador de extraordinarias cualidades, espontáneo e exuberante.
     Participa na fundación do Partido Galeguista e sae elixido, en 1931, deputado das Cortes Constituíntes. No seo do Partido, Otero situábase ideoloxicamente no bando conservador, mais acatou a decisión da maioría cando esta optou pola integración na Frente Popular. Ao comezar a guerra civil, a pesar do seu talante conservador e relixioso, Otero foi expedientado, cesado como catedrático de instituto e retirouse á casa familiar de Trasalba. Desde alí colaborou puntualmente na prensa americana, en publicacións madrileñas e catalanas e, xa a mediados da década de corenta, con maior asiduidade en diferentes xornais galegos.
     En 1949 foi restituído na súa cátedra de Instituto e no ano seguinte gañou a cátedra de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Participou tamén na fundación da Editorial Galaxia, para a que entregará a colección de relatos Entre a vendima e a castiñeira e numerosos traballos que foron publicados na revista Grial.
     Na capital galega vai morar ata 1958, etapa na que servirá de guía á mocidade galeguista que está a xurdir nos ambientes universitarios e contribuirá á súa vertebración. No momento do seu falecemento, en 1976, era considerado unanimemente o patriarca das letras galegas, creador dunha vasta e plural obra literaria e ensaística, e un grande exemplo da resistencia galeguista na longa etapa da ditadura. Home dunha vastísima cultura, Ramón Otero Pedrayo integra, con Risco, Castelao e Losada Diéguez, o denominado Grupo Nós.

Fundación Otero Pedrayo

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega