Ramón Vilar Ponte

(1891 - 1953)

 

 
Obras
Biografía
 
m1rvilarponte.html

     Ramón Vilar Ponte naceu en Viveiro no ano 1891. Licenciado en Filosofía e Letras, dedicouse profesionalmente ao ensino privado e ao xornalismo en diversas publicacións periódicas, onde emprendeu intensas campañas anticaciquís.
     Desde moi novo partillou co seu irmán Antón as inquedanzas galeguistas. Xunto con Porteiro Garea, Viqueira, Peña Novo, Losada Diéguez, Cabanillas e Risco, Ramón será un dos ideólogos das Irmandades da Fala, constituídas na Coruña en 1916 por iniciativa dos Vilar Ponte. Anos despois, establecido en Ferrol como director de El Correo Gallego, fundou, xunto con Xaime Quintanilla, o Boletín Mensual da Irmandade da Fala desta localidade e a editorial Céltiga (1922).
     Convencido da personalidade de Galiza, defendeu o ideario das Irmandades en diferentes ensaios e escritos didácticos. Da súa produción podemos destacar Doctrina nazonalista (1921), redixida baixo a fórmula de catecismo, con perguntas e respostas; Historia sintética de Galicia (1927), vehemente defensa, prologada por Risco, dos valores do noso pobo desde a óptica nacionalista, e un volume titulado Breviario da autonomía, en que relaciona o programa galeguista coa alternativa histórica que se presenta coa segunda República.
     A pesar de non cultivar o xénero dramático, Ramón Vilar Ponte traduciu á nosa lingua, xunto co seu irmán e P. R. Castro, Catuxa de Houlihan (1935) e O país da saudade (1977), dous folk-dramas do irlandés W. B. Yeat.
     Ramón Vilar Ponte, que ingresara na Real Academia Galega en 1951 cun discurso titulado "A Xeración do 16", faleceu na cidade da Coruña no ano 1953.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega