vb1sgarciabodaño.html
Poeta,
narrador, crítico de arte, ensaísta, columnista de prensa...
Para min todo comezou na cidade de Vigo, é dicir, alí se
iniciou todo ese minucioso e abrumador relato existencial, máis
curto ou máis longo, máis ou menos feliz, do que non se libra
ninguén que nacera e no que adoitan intertextualizárense e
cruzárense, día tras día, tantos outros relatos de
incontábeis persoas e a lembranza de tantas cousas e lugares.
Así que direi, cunha maior precisión, que o feito de eu saír a
esta vida, de aparecer neste mundo cheo de lunáticos iluminados
que non deixan vivir en paz, tivo lugar en Teis, no número 121
antigo da rúa de Sanxurxo Badía, na media noite do dezaseis ao
dezasete dun mes de xullo de hai xa un disparate de anos,
poñamos, sen a menor dúbida, que a data foi a de 1935. Tantos
anos que, por veces, xa empezo a ter a impresión de que eu son o
meu inmediato descendente, pois, con todo, teño aínda ánimo
xuvenil. Cando nin contaba un mes, os meus pais leváronme para
Compostela (os aborixes adoitan dicir só Santiago, como se non
houbera máis 'santiagos' en Chile, Cuba, Guayaquil, etc.) e,
naturalmente, por entón eu andaba moi lonxe de saber que había
de ser escritor. Por non saber, daquela, nin sabía que me
chamaba Salvador García-Bodaño Zunzunegui ou Salvador
García-Bodaño, como acostumo asinar, por brevidade, a maioría
dos meus escritos sen que supoña téñoo explicado para algunha
nota biográfica renuncia á miña ascendencia euscalduna, pola
que sinto especial orgullo. En fin, que non sei se lle ocorre a
todo o mundo fun sabendo quen era na medida en que vivía, ou,
de poñérmonos transcendentes, funme coñecendo no propio vivir.
En Santiago de Compostela formeime
intelectualmente. Nos textos de Literatura galega considéraseme
un escritor membro da 'Xeración das Festas Minervais'
ou, con maior concreción, da 'Promoción das Festas Minervais'
dentro da extensa comunidade epocal da Xeración de 1950. Por
entón coñecín a dúas figuras que influirían notablemente no
meu pensamento: o pintor Carlos Maside e Ramón
Piñeiro. O
primeiro, espertando o meu interese polas artes plásticas e por
unha forte preocupación social; o segundo, polo vencello con
toda a tradición galeguista, a conciencia de Europa e un
proxecto político para Galicia no que non sempre concordabamos,
con fraternal lealtade, por termos posicións moi diferentes
respecto do nacionalismo galego. En plena dictadura franquista,
entre amigos e amigas galeguistas e nacionalistas fundamos (1961)
a Agrupación Cultural 'O Galo', que había de ser pioneira de
todo un longo movemento de agrupacións creadas para a difusión
da nosa cultura e da nosa lingua pola xeografía das principais
cidades e vilas de Galicia.
De entre as miñas primeiras
intervencións públicas recordo, con certa emoción, que, ao
pouco de falecer Ramón
Cabanillas, fun invitado a participar nun
gran acto de homenaxe literario na súa memoria, en xaneiro de
1960, organizado pola Cátedra de Literatura da Universidade
compostelá e celebrado no Paraninfo. Léramos poemas Aquilino
Iglesia Alvariño, Uxío Novoneyra e mais eu. Premios e actos
culturais foron afincando a miña vocación literaria nos tempos
da xuventude: Xogos Florais de A Coruña en setembro de 1962;
celebración do primeiro Día das Letras Galegas (1963) no Salón
Artesoado de Fonseca, cunha lectura de poemas na que participaran
tamén Xohana
Torres, Arcadio López-Casanova e
Carlos
Casares; a
Homenaxe a Antonio Machado (1964) na Facultade de Filosofía e
Letras de Compostela; o recital poético con Celso Emilio
Ferreiro e Arcadio López-Casanova no Ciclo de Cultura Galega na
Casa da Cultura de Pontevedra na segunda festividade do Día das
Letras Galegas; o Primeiro Premio nos Xogos Florais 'Rosalía
Castro' do Concello de Betanzos (1971)...
Ao longo dos anos foron numerosas
as empresas culturais nas que tomei parte, ben dende a súa
fundación ou ben naquelas ás que fun invitado a integrarme: é
así que colaborei na realización do proxecto da revista galega
'Teima'(1976); en 'Escola Aberta'; no Museo do Pobo Galego
(1976), sección etnográfica de oficios e da arte popular; na
directiva da primeira Asociación de Escritores en Lingua Galega
(1980); no Ateneo de Santiago de Compostela xa desaparecido e do
que fun presidente; na 'Fundación Padroado de O Pedrón de
Ouro'; no 'Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside', no novo
Seminario de Estudios Galegos (1983), como membro numerario, coa
presentación dun estudio sobre o pintor Xaime Quessada; como
fundador da actual 'Asociación de Escritores en Lingua Galega
(AELG)'; do 'Instituto Galego da Información (IGI)'; da
'Asociación de Traductores en Lingua Galega (ATLG)'; da
'Fundación Castelao'; do PEN Club de Galicia; da 'Asociación
Galega do Libro Infantil e Xuvenil', e a partires de 1992 como
membro numerario da Real Academia Galega, da que, actualmente,
son membro da Directiva.
Premios:
1º premio e Flor Natural en Poesía galega nas Festas Minervais en 1959
1º premio e Flor Natural en Poesía castelá nas Festas
Minervais en 1959
Premio de la Crítica (Poesía en galego) en 1978
Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural en 1988
Premio de la Crítica (Narrativa en galego) en 1993
|