Salvador García-Bodaño


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb1sgarciabodaño.html

     Poeta, narrador, crítico de arte, ensaísta, columnista de prensa... Para min todo comezou na cidade de Vigo, é dicir, alí se iniciou todo ese minucioso e abrumador relato existencial, máis curto ou máis longo, máis ou menos feliz, do que non se libra ninguén que nacera e no que adoitan intertextualizárense e cruzárense, día tras día, tantos outros relatos de incontábeis persoas e a lembranza de tantas cousas e lugares. Así que direi, cunha maior precisión, que o feito de eu saír a esta vida, de aparecer neste mundo cheo de lunáticos iluminados que non deixan vivir en paz, tivo lugar en Teis, no número 121 antigo da rúa de Sanxurxo Badía, na media noite do dezaseis ao dezasete dun mes de xullo de hai xa un disparate de anos, poñamos, sen a menor dúbida, que a data foi a de 1935. Tantos anos que, por veces, xa empezo a ter a impresión de que eu son o meu inmediato descendente, pois, con todo, teño aínda ánimo xuvenil. Cando nin contaba un mes, os meus pais leváronme para Compostela (os aborixes adoitan dicir só Santiago, como se non houbera máis 'santiagos' en Chile, Cuba, Guayaquil, etc.) e, naturalmente, por entón eu andaba moi lonxe de saber que había de ser escritor. Por non saber, daquela, nin sabía que me chamaba Salvador García-Bodaño Zunzunegui ou Salvador García-Bodaño, como acostumo asinar, por brevidade, a maioría dos meus escritos sen que supoña —téñoo explicado para algunha nota biográfica— renuncia á miña ascendencia euscalduna, pola que sinto especial orgullo. En fin, que —non sei se lle ocorre a todo o mundo— fun sabendo quen era na medida en que vivía, ou, de poñérmonos transcendentes, funme coñecendo no propio vivir.
     En Santiago de Compostela formeime intelectualmente. Nos textos de Literatura galega considéraseme un escritor membro da 'Xeración das Festas Minervais' ou, con maior concreción, da 'Promoción das Festas Minervais' dentro da extensa comunidade epocal da Xeración de 1950. Por entón coñecín a dúas figuras que influirían notablemente no meu pensamento: o pintor Carlos Maside e Ramón Piñeiro. O primeiro, espertando o meu interese polas artes plásticas e por unha forte preocupación social; o segundo, polo vencello con toda a tradición galeguista, a conciencia de Europa e un proxecto político para Galicia no que non sempre concordabamos, con fraternal lealtade, por termos posicións moi diferentes respecto do nacionalismo galego. En plena dictadura franquista, entre amigos e amigas galeguistas e nacionalistas fundamos (1961) a Agrupación Cultural 'O Galo', que había de ser pioneira de todo un longo movemento de agrupacións creadas para a difusión da nosa cultura e da nosa lingua pola xeografía das principais cidades e vilas de Galicia.
     De entre as miñas primeiras intervencións públicas recordo, con certa emoción, que, ao pouco de falecer Ramón Cabanillas, fun invitado a participar nun gran acto de homenaxe literario na súa memoria, en xaneiro de 1960, organizado pola Cátedra de Literatura da Universidade compostelá e celebrado no Paraninfo. Léramos poemas Aquilino Iglesia Alvariño, Uxío Novoneyra e mais eu. Premios e actos culturais foron afincando a miña vocación literaria nos tempos da xuventude: Xogos Florais de A Coruña en setembro de 1962; celebración do primeiro Día das Letras Galegas (1963) no Salón Artesoado de Fonseca, cunha lectura de poemas na que participaran tamén Xohana Torres, Arcadio López-Casanova e Carlos Casares; a Homenaxe a Antonio Machado (1964) na Facultade de Filosofía e Letras de Compostela; o recital poético con Celso Emilio Ferreiro e Arcadio López-Casanova no Ciclo de Cultura Galega na Casa da Cultura de Pontevedra na segunda festividade do Día das Letras Galegas; o Primeiro Premio nos Xogos Florais 'Rosalía Castro' do Concello de Betanzos (1971)...
     Ao longo dos anos foron numerosas as empresas culturais nas que tomei parte, ben dende a súa fundación ou ben naquelas ás que fun invitado a integrarme: é así que colaborei na realización do proxecto da revista galega 'Teima'(1976); en 'Escola Aberta'; no Museo do Pobo Galego (1976), sección etnográfica de oficios e da arte popular; na directiva da primeira Asociación de Escritores en Lingua Galega (1980); no Ateneo de Santiago de Compostela xa desaparecido e do que fun presidente; na 'Fundación Padroado de O Pedrón de Ouro'; no 'Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside', no novo Seminario de Estudios Galegos (1983), como membro numerario, coa presentación dun estudio sobre o pintor Xaime Quessada; como fundador da actual 'Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)'; do 'Instituto Galego da Información (IGI)'; da 'Asociación de Traductores en Lingua Galega (ATLG)'; da 'Fundación Castelao'; do PEN Club de Galicia; da 'Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil', e a partires de 1992 como membro numerario da Real Academia Galega, da que, actualmente, son membro da Directiva.

Premios:
1º premio e Flor Natural en Poesía galega nas Festas Minervais en 1959
1º premio e Flor Natural en Poesía castelá nas Festas Minervais en 1959
Premio de la Crítica (Poesía en galego) en 1978
Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural en 1988
Premio de la Crítica (Narrativa en galego) en 1993

[Febreiro, 2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega