Sebastián Martínez-Risco

(1899 - 1977)

 

 
Obras
Biografía
 
m3sebastianrisco.html

    Sebastián Martínez-Risco e Macías naceu o 19 de Xaneiro de 1899 en Ourense, cidade en que realizou os estudos secundarios. Posteriormente, trasladouse a Santiago de Compostela onde iniciou a carreira de Dereito, que máis tarde continuaría na Universidade de Zaragoza e concluiría en Madrid. En 1924 gañou a oposición de maxistrado, sendo nos anos 1932-1933 xuíz de instrución no Barco de Valdeorras e posteriormente en Vilalba; após unha longa excedencia, regresaría á carreira xudicial na Audiencia de Xirona. Aliás, exerceu a avogacía durante vintecinco anos en diferentes puntos da Galiza.
     Comezou a súa andaina literaria publicando —con dezasete anos— os seus primeiros poemas na imprensa diaria de Zaragoza. Anos despois, xa en Astorga, foi colaborador habitual do xornal El pensamiento Astorgano e da revista madrileña La Esfera.
     Fundou e dirixiu o Ateneo de Lugo, onde organizou frecuentes encontros culturais e entrou en contacto con figuras destacadas da cultura galega. Nos anos posteriores á guerra continuaría con esta faceta de animador cultural e político, promovendo e impulsando iniciativas de todo tipo. Así, por exemplo, en 1963, fúndase o Partido Socialista Galego no seu gabinete da Coruña.
     En 1944 foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e, seis anos máis tarde, numerario da mesma institución, ingresando en 1953 coa leitura do discurso intitulado "O sentimento da Xustiza na literatura galega". Desde 1960 até a súa morte presidiu a Academia, nun período en que se institucionalizou a celebración do Día das Letras.
     Alén destas actividades, Sebastián Risco formou parte do Consello de Dirección da Revista de Economía de Galicia, do Consello de Administración da Editorial Galaxia e da sección galega da revista portuguesa Quatro ventos, para alén de colaborar na revista Scientia Iuridica, de Braga, e do Galician Programme, da BBC.
     A súa produción literaria componse de obras de poesía, teatro, romance e ensaio, sendo este último o xénero maioritario dentro da súa criación.
     As súas primeiras obras publicadas —La Tanza negra (1943) e Trébol poético (1943)— están redixidas en español, mais en La esquina amada, do mesmo ano que as anteriores, xa mestura as dúas linguas. A maior parte da súa produción poética recóllese no volume póstumo Do recuncho amado, que viu a luz en 1980.
     Como ensaísta, editou Presencia da lingua galega (1973) e un número importante de artigos á volta de diferentes aspectos da nosa cultura: "Valores espresivos da obra de Castelao" (1976), "Raíz galega de Valle Inclán","Lamas Carvajal, Poeta do mundo rural", "Nadal no alén terra"...
     Sebastián Risco morreu na Coruña o 24 de Setembro de 1977.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega