Valentín Lamas Carvajal

(1849 - 1906)

 

 
Obras
Biografía
 
mb2lamascarvajal.html

     Valentín Lamas Carvajal, un dos primeiros promotores da prensa en galego, naceu en Ourense en 1849. Nesta cidade cursou o Bacharelato, tendo como profesor o destacado gramático Saco Arce, e con posterioridade trasladouse a estudar Medicina en Compostela. Porén, non conseguiu acabar a carreira por causa dunha doenza visual que o deixaría cego, condición que lle valeu anos máis tarde o alcume de "O Homero Galego". De regreso ao seu lugar de orixe, entregouse á escrita xornalística e literaria. Dirixiu a revista compostelá La Aurora de Galicia e fundou a revista El Heraldo Gallego (1874-1880), de carácter bilingüe, e o semanario O Tío Marcos da Portela (1876-1890). Comezou a colaborar asiduamente no xornal El Eco de Orense, fundado en 1880, que funcionaría baixo a dirección de Lamas até o seu falecemento. Os medios de comunicación serían un instrumento fundamental na difusión da súa literatura e das famosísimas polémicas políticas e literarias en que o ourensán participou ao longo da súa vida. A aparición de O Tío Marcos da Portela converteuse nun dos feitos de maior relevancia na historia das letras galegas, xa que se trata da primeira publicación redixida desde Galiza integramente no noso idioma. A extraordinaria acollida da revista debeuse nomeadamente á defensa do labrego desde unha perspectiva fondamente anticaciquil. Esta total conexión co público receptor garantiu a edición, case ininterrompida, cada quince días e, posteriormente, cada semana. O Tío Marcos da Portela supón a consolidación dun xornalismo xenuinamente galego, estimulando de maneira decisiva o xurdimento de novas publicacións deste cariz por toda a nosa xeografía.
     Lamas Carvajal iniciou a súa andaina literaria con composicións líricas. Así, déronse a coñecer en 1874 o primeiro dos "ramiños" de Espiñas, follas e frores. Este poemario, onde se funden elementos cultos e folclóricos, completouse no ano seguinte cun segundo "ramiño". En 1875 publicáronse as Cartas ós gallegos. Tras cinco anos de silencio saíu do prelo Saudades gallegas, que supuxo a consagración de Lamas como escritor, e en 1890 o seu último libro de poesía, A musa das aldeas. Como prosista publicou en 1887 un libro titulado Gallegada e, dous anos máis tarde, o ben coñecido O catecismo do labrego, a obra máis popular da nosa literatura durante longos anos. Trátase da parodia dun catecismo relixioso que denuncia, a través da figura dun labrego retranqueiro, a penuria económica e social da clase labrega. O maior acerto desta obra foi o recurso a unha simboloxía formal ben coñecida polo público lector cun obxectivo politizador.
     Valentín Lamas Carvajal faleceu na súa cidade natal no ano 1906.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega