Xavier Alcal%E1


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb1xalcala.html

     Eu nacín en Miguelturra, no máis seco da seca Mancha, que é parte de Castela a Nova onde se fala castelán con propiedade e gracia de lingua sen dúbidas. Ese foi o meu idioma primeiro. O segundo sería o galego, Ecce Homo dos idiomas, como escribín nos fértiles vinte anos, cando tentaba ser poeta.
     Desde cativo souben o que era a loita desigual entre dúas linguas, e, porque algo me manda andar a contrafío, tomei parte pola dos perdedores. Sei que isto non é un mérito, senón unha cuestión de carácter e quero deixar constancia do que penso cando xa vou vello e teño quen me agarime as barbas mentres me chama meniñamente "avó".
     Fíxenme persoa en Ferrol, terra de aluvión. Son inmigrante en país de emigrantes e, como todos os que viñeron de fóra a un sitio desde outro que non dan lembrado (porque a memoria dos pequenos é incompleta: feita só de luzadas imposibles de situar), como todos eles, tento xustificar a vida agarrándome aos cabos da infancia que se fai adolescencia para logo ser mocidade: declaro o meu amor sen límite á Ferrolterra e ao recanto eumés.
     Ese mundiño, que marca a fogo de circunstancia, abriríame portas a mundos maiores, nas vastidades americanas a que non renuncio porque quixera ter vivido moitas vidas perdidas nelas...
     Comecei a escribir (¿quen lembra xa iso?) por militancia galeguista. Fíxenlle letras de cancións ao malogrado Andrés do Barro, meu compañeiro de xogos na Porta Nova ferrolá e no areal de Cabanas.
     Das letras pasei aos poemas ata que Ramón Piñeiro me indicou o camiño: "Imitas ben os poetas".
     Deixei logo de querer selo.
     Hai trinta anos que escribo crónicas, do que vivín e do que outros viviron.
     Tiven a sorte de me criar como achegado a unha tribo epopeica, a un pobo fillo da aventura que nace da desventura de sentirse inferior, porque outros lle amañaron a Historia.
     Dos galegos tirei substancia literaria e por honradez da miña raza primeira, castelá; e escribín o que me dictaron na lingua que uns aman e outros rexeitan, porque esta xente galega (fáganme caso, señores políticos) é colectivamente esquizofrénica.
     Dou gracias a todos, sen embargo, xa que de bos e xenerosos tomei materia positiva, e dos miserables a negativa: en artigos, narracións breves, novelas e relatos de viaxe, en todo o meu, hai do glorioso e do ruín dos que comigo foron facendo camiño.
     Quen teña paciencia de ordenar por temas o que me veñen publicando —desde o 71— verá que a emigración, a saudade, a dor de distancias, a necesidade de comer a Terra (que é de todos os homes, como escribiu Rosalía) son constantes no que practiquei en horas roubadas ao sono; en esperas de aeroporto, en fastíos de voo; en fins de semana de encerro.
     Mírese o que significou Voltar, seis personaxes e un fado; obsérvense cantas narracións das que deixei por escrito se poderían cualificar dentro dun (perdón pola pedantería) "conxunto americanista", que envolve outro "arxentinista", á súa vez contedor do máis intensamente expresivo, o "patagonista". A emigración acompañoume desde o Madrid vulgar onde tantos fomos emigrantes ata os recunchos máis insospeitados do Cono Sur das Américas.
     Tampouco me faltou tempo para retratar o Impaís, que non se entende sen a marcha para os lonxes; nin a realidade que nel houbo mentres nel existín. Nin me puiden retraer ao desexo de contar o pasado segundo o deduzo das lecturas ou das relacións oídas.
     Como personaxe que son do meu tempo, "a guerra" (non fai falta dicir cal) perségueme coma pantasma familiar, con toda a súa compaña de horrores. O conflicto fratricida non se escapa das referencias, é pano de fondo do publicado ou mesmo escenario de novelas que agardan momento de publicación.
     Son os meus temas, que me gustaría ter escrito nunha lingua universal nas formas, non neste galego "demótico" (tomo a definición de Ricardo Carvalho, ferrolán, amigo de Ernesto Guerra da Cal, tamén deses pagos nosos) en que a diglossia tremens dos galegos me obriga a escribir.
     Quen me dera facelo nunha lingua literaria que, conservando peculiaridades morfolóxicas, fose graficamente unha co portugués normativo.
     E aquí remato presentación, a pedir desculpas aos lectores —algúns entusiastas, relectores— das miñas vaidades:
     Que me perdoen o non ter acertado aínda co corpo perfecto da historia que entre todos —xente e autor— deberiamos converter en mito para facermos país.
     País, pois que os países se asentan en historias reinventadas.
     Como as Historias oficiais.

[Febreiro, 2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega