Xavier López Rodríguez


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2xlopezrodriguez2.html

     Nacín no ano 1956 en San Ciprián de Hermisende, unha das pequenas aldeas de Zamora nas que se fala galego e onde, agora, hai máis casas vacías e en ruínas ca habitables. Un invento franquista —as becas das mutualidades laborais— levoume a estudiar en Cheste (Valencia), Sevilla e Madrid, cidade na que conseguín licenciarme en Ciencias da Información.
     Resido en Santiago de Compostela desde 1985, onde logo apostei pola escrita en galego (a miña lingua materna), tanto no xornalismo (Diario de Galicia e Diario 16 de Galicia foron algúns dos xornais nos que teño traballado) como á hora de escribir ficción .
     Teño que recoñecer que fixen xornalismo pensando que así aprendería a escribir ben para ser escritor. Hoxe, con catorce libros publicados en galego (e oito en castelán), aínda teño a impresión de que o oficio que mellor coñezo é o de labrego á antigua usanza, o de labrego de fouce e gadaña, de engazo e espalladeira, de aixada e rastro, de arado romano. Como fixen formación profesional pola rama de electricidade tamén fago chapuzas coa electricidade, pero son menos malo como labrego.
     Do xornalismo gústame sobre todo eso de poder dar voz ós que non a teñen, as reportaxes sobre marxinados, xentes con poucos bens materiais e moitos problemas. Á hora de narrar, tendo en asentar as miñas novelas e relatos en Brumoso, unha terra arraiana que ven sendo a miña, preto do que nos mapas figura como Penedo dos Tres Reinos.
     Entretener e emocionar é o que busco cando escribo. Porque admiro historias breves e de poucos personaxes como "A perla", "O vello e o mar" ou "O coronel non ten quen lle escriba", prefiro as historias sinxelas, con pouco artificio. Quizáis por iso, as miñas están publicadas principalmente en coleccións para rapaces e mozos.
     Un dos autores que teño lido con máis gusto e admiración é o galego Xoán Farias. Síntome emocionalmente cerca de Steinbeck ou Delibes, o que non me quita ter a Kafka ou Faulkner, tamén a Torrente Ballester e Álvaro Cunqueiro, entre os meus autores máis admirados.

[Febreiro, 2003]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega