mb3xelaarias.html
Xela Arias Castaño veu
ao mundo no ano 1962 en Lugo, embora pasase a maior parte da súa vida en Vigo,
cidade en que realizou os estudos de Filoloxía Hispánica e onde morreu o 2 de Novembro de 2003.
Vinculada a Xerais desde o nacemento da editorial en
1979, estreouse no mundo literario con Denuncia do equilibrio (1986),
poemario innovador co que foi finalista do Premio Losada Diéguez.
En 1990 publicou, en colaboración co seu marido e fotógrafo
Xulio Gil, Tigres coma cabalos, obra de grande repercusión en que se
mesturan poemas e espidos da autora. O libro trasmítenos unha mensaxe a prol da
sinceridade e da procura dos sentimentos máis básicos. En Darío a diario
(1996) a poeta ofrece unha reflexión sobre a súa propia experiencia maternal.
O seu derradeiro poemario, Intempériome,
foi editado o mesmo ano da súa desaparición por Miguel Anxo Fernán Vello.
A súa obra poética tamén se deu a coñecer en libros
colectivos como Palabra de muller (1992) ou Daquelas que cantan. Rosalía
na palabra de once escritoras galegas.
Alén da súa tarefa poética, Xela Arias dedicouse á
tradución para a nosa lingua de diversos autores como Joyce, Fehnimore Cooper e
Fernández Flórez. Escribiu varios relatos, algúns deles incluídos na obra Contos
eróticos/elas (1990).
Foi finalista do Premio Esquío de Poesía (1986) con Lili
sen pistolas, obra que aínda permanece inédita.
|