Xoán Bernárdez Vilar


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2bernardezvilar2.html

     Nacín en Marín o día 5 de abril de 1936. Os meus pais eran entón mestres de escola nas aldeas de Pardavila e Santa María do Campo, pertencentes ó mesmo Concello. Foi nestes lugares, e polo contacto cos rapaces dos mesmos, onde deprendín a falar e a amar o galego.
     En xaneiro de 1943, pouco antes de cumprir os sete anos, a miña familia trasladouse a Dornelas, unha parroquia das inmediacións do aeroporto vigués de Peinador, naquel intre aínda en fase de construcción.
     Ós dez anos ingresei no Instituto "Santa Irene" de Vigo, onde fixen o Bacharelato, que rematei en xuño de 1953, na derradeira das promocións do chamado "Plan 1938".
     Tres anos despois, e mentres estaba a estudiar Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra, aprovei unhas oposicións para Auxiliar Administrativo da "Caja de Ahorros y Monte de Piedad Municipal de Vigo", hoxe Caixanova, na que, en xaneiro de 1957, dei comezo a miña vida laboral. Alí tiven a fortuna de coñecer a Xaime Isla Couto, Asesor Xurídico da entidade, e a través del, a relacionarme cunha boa parte da intelectualidade galega.
     Posteriormente, fixen amizade co Padre Seixas quen, no mes de xullo de 1969, me converteu nun dos primeiros en se casar en galego, bautizando e inscribindo, tamén na nosa fala, ós meus fillos, Paulo, Adrián e Sabela.
     Entre 1990 e 1995, e sen deixar de traballar, fixen a licenciatura de "Xeografía e Historia" na Universidade de Vigo. Pouco despois, ó chegar ós sesenta anos, e a causa da fusión que se estaba a artellar entre as tres Caixas do sur de Galicia, fun, o mesmo que outros moitos compañeiros, prematuramente xubilado, cando acadara a categoría de "Xefe de Sección". Esta nova situación permitiume facer o Douturamento da mesma carreira, no período 1996-1998.
     Resido en Vigo dende 1952, e son lector xa dende moi neno. Responsable, a miña nai, incansable devoradora de libros e excepcional narradora de contos, quen soupo orientarme dende o primeiro momento seleccionándome as obras máis axeitadas para conseguir unha formación equilibrada. Na actualidade posúo uns oito mil libros, e moitísimos máis "cómics".
     Outras das miñas afeccións foron os deportes, dos que practiquei: fútbol, atletismo, balonmán, hockey-sala, hockey sobre herba, e tenis. Así mesmo, fun presidente do "Colexio de Árbitros de Balonmán", anos 1962-64, e colaborei en "Faro de Vigo", "Faro Deportivo" e "El Pueblo Gallego", ó longo de moito tempo, facendo as crónicas sobre Hockey. Dirixín o semanario "Galicia Social" no período 1964-68, en el publiquei a miña traducción dos evanxelios á nosa fala.
     En 1965 fun co-fundador da "Asociación Cultural" de Vigo, por decisión da cal pasei a colaborar, entre 1965 e 1975, na emisión "Raíz e Tempo", en "La Voz de Vigo", a primeira que se fixo en galego despois da Guerra. O meu traballo consistiu na confección duns oitocentos capítulos compendiando a Historia de Galicia. Estes capítulos foron sucesivas veces repetidos tanto en "La Voz de Vigo", coma en "Radio Ecca".
     Dirixín, así mesmo, a revista "Latexo", dos empregados de Caixavigo, cousa que aconteceu ó longo dos períodos 1966-1970, e 1993-1997.
     O cine, a música, e as viaxes, figuran tamén en lugares preferenciais na miña escala de valores, tendo percorrido todos os lugares que se relacionan tanto coa temática das miñas novelas coma cos traballos de investigación efectuados.
     Respecto á miña incursión no planeta da literatura, e deixando á parte as arrepiantes, e inéditas, historias que se me ocorreron entre os dez e os quince anos, ou as cativas colaboracións ás que me acabo de referir, o meu primeiro traballo serio foi "Un home de Vilameán. Anatomía de revolución Irmandiña", publicado en Montevideo en 1976. Os demais foron aparecendo máis tarde, pouco a pouco, así coma os premios: "Patronato da Cultura Galega de Montevideo", 1975, "Accesit do Modesto R. Figueiredo", 1983, "Galicia", de Investigación, 1984, "Casa de Galicia de León", 1984, "Xerais", 1986, "Xesús Taboada Chivite", de Investigación, 1992, "Narrativa do Concello de Vilalba", nos anos 1993 e 1999, "Teatro", da Universidade de Vigo, 1998, "Segundo Premio Historia Medieval de Galicia", 2002, "Traducción", da Universidade de Vigo, 2003, e outros de menor entidade, como o do "130 aniversario de "Faro de Vigo", ou diversos accesits de contos de "O Facho", da Coruña, e do "Centro Galego de Baracaldo", e outros que sinto non lembrar agora.
     A Real Academia Galega nomeoume Académico Correspondente o 22 de febreiro do 2003. Desde xullo de 2011 son Doutor en Xeografía, Arte e Historia, pola Universidade de Vigo, coa tese El mundo antiguo a través de la "Ora Maritima" de Rufio Festo Avieno.



[Actualización: 19-4-2013]


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega