Xoán R. Cuba


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2xoanramirocuba.html

     Nacín en Lugo, oficialmente o 23 de xaneiro de 1958; pero polo que me contou miña mai, que é a persoa que mellor o sabe, en realidade foi o día vinte cando cheguei a unha bufarda pequena e escura do barrio de Paradai, extra muros da cidade. Aínda faltaba moito inverno e a min non se me agardaba ata a primavera. Había lúa nova e O Gaiteiro de Lugo prognosticaba para aqueles días: "Nova no Saeteiro que quer botar saravia. Onde non chova, non han encherse os pipotes". Naquel xa ben arredado 1958, O Gaiteiro de Lugo ("calendario relixioso, profético, astronómico, recreativo, patriótico, popular e barato") cumpría cen anos de vida, "ledo e rufo coma un mozo". O xuízo para os meses vindeiros, escrito en octosílabos graciosamente romanceados, viña asinado nada menos que pola cadeliña Laika que viaxaba a bordo do Spútnik.
     Mentres o home, ou o can, se lanzaba á conquista do espacio; meu pai, que era ferreiro de oficio, tiña a súa fragua nunha casiña adosada á muralla, a poucos pasos da Porta Falsa. Mentres Laika contemplaba a lúa branca pola fiestra do seu satélite, meu pai chamuscaba as sagradas pedras romanas forxando a cotío ferraduras e rellas para arados, igualiñas as que fendían as agras luguesas cando, case dous mil anos atrás, mandara Octavio Augusto fundar a cidade murada. Estraña simbiose entre tradición e modernidade.
     Do que levo dito, como supoñeredes, non vos teño acordanza ningunha, seino por tradición oral e tamén escrita. Acredito nas dúas. Do que direi de seguido teño, nembargante, lembranzas certas, algunhas esvaídas e outras claras e luminosas.
     Os anos da miña infancia foron pasando a cabalo entre A Carballeira, un lugar da vilalbesa parroquia de Vilapedre de onde viñera miña mai, e o barrio Feixóo, un humilde barrio de Lugo de xente traballadora que loitaba "coa vida e en contra da vida" naqueles anos de húmida e fría pedra.
     Se as vidas son ríos como intuíron tantos poetas, antes e despois de Manrique, da miña pódovos dicir que comezou entre as néboas do Rato e as do Miño. A contracorrente levoume despois ás ribeiras, inzadas de abidueiras, salgueiros e ameneiros, do río de Lavapés que nace na Serra da Carba, atravesa A Carballeira —para min o lugar primordial e mítico— e vai morrer ó Madalena. O Madalena desemboca no Ladra, que é quen remata por entregarlle ó Miño, pastor de ríos, o cativo río de meu. En definitiva, as augas do río que máis amei, nas que botei a navegar ducias de lanchiñas de pao e centos de soños, morren (¿ou renacen?) sempre no Miño.
     Camiños de ferro levaron a miña adolescencia ás beiras doutros ríos dentro e fóra de Galicia: os leoneses Torío e Bernesga, o Miño outra vez pero agora tudense, os asturianos Trubia e Nalón. En 1975, cando morreu aquel xeneral, iniciaba eu en Salamanca, cabo do Tormes, os meus estudios universitarios. Non acabei o curso, agardábaseme no verán pero foi a primavera quen me trouxo outra vez á miña amada e gris cidade de Lugo e ás illas do Miño. Tiña dezaoito anos, unha chea de ilusións e moitas ganas de vivir.
     O meu regreso a Lugo coincidiu cos anos da chamada transición, co inicio dos estudios de Filoloxía, que abandonei no segundo curso, e cunha etapa persoal de intensa militancia en organizacións estudiantís, políticas e culturais nacionalistas. Ó deixar a carreira probei sorte en distintos oficios e traballos. Dende 1984 son funcionario no Museo Provincial de Lugo, onde fun guía e actualmente traballo como auxiliar de biblioteca.
     Escribo dende os doce anos, sobre todo versos que nunca publiquei, ó mellor é por eso polo que algúns poetas amigos meus consideran que son o vate máis vago do mundo. Foi nos anos oitenta do pasado século cando comecei a dar ó prelo algún artigo sobre temas de arte, historia, etnografía e literatura de tradición oral. Dous traballos meus sobre a Terra Chá mereceron o premio Mato Vizoso do concello de Vilalba nos anos 1987 e 1989.
     Dende entón veño colaborando habitualmente na prensa escrita e tamén na radio e na televisión. En 1992 Ofelia Carnero, Mercedes Salvador, Antonio Reigosa e un servidor creamos o Grupo de Investigación Etnográfica Chaira. Este equipo dedicou varios anos a percorrer centos de aldeas e lugares da Terra Chá e outras bisbarras luguesas para escoitar á xente, recoller literatura de tradición oral e crear un arquivo sonoro e escrito. O traballo de Chaira deu pé a varias publicacións, entre as que destaca Polavila na Pontenova. Lendas contos e romances, unha escolma clasificada e anotada das pezas recollidas naquel concello.
     Con Antonio Reigosa e Xosé Miranda escribín e publiquei catorce libros, entre eles, dez da colección de contos de tradición oral Cabalo Buligán e tamén o Diccionario dos seres míticos galegos, editados por Xerais. Para outubro deste ano 2003, agardo a publicación da miña primeira obra individual na colección Merliño da editorial viguesa.

[Xullo, 2003]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega