Xoán González-Millán

(1951 - 2002)

 

 
Obras
Biografía
 
mb4xoangonzalezmillan.html

      Xoán González-Millán naceu en 1951 no Ogrove (Pontevedra). Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, e Antropoloxía na de Comillas (Madrid); neses anos disfrutou da bolsa da Fundación Barrié de la Maza e dunha bolsa-salario do Goberno de España. Transladouse a Norteamérica, onde se doutoraría pola Universidade de Nova Iorke cunha tese sobre Álvaro Cunqueiro, escritor do que posteriormente sacou á luz tres estudos: Álvaro Cunqueiro e Merlín e familia (1991), Álvaro Cunqueiro: os artificios da fabulación (1991) e Fantasía e desintegración na narrativa de Álvaro Cunqueiro (1996).
      Foi profesor do departamento de Linguas Románicas no Hunter College e de Literaturas Hispánicas e Luso-Brasileiras do Centro Graduado da cidade de Nova Iorke. Aliás, presidiu a Asociación Internacional de Estudios Galegos (AIEG).
      O ensaísta e profesor publicou numerosos artigos en revistas como Grial, A Trabe de Ouro ou A Nosa Terra, nunha altura en que dirixía o Anuario de Estudios Literarios Galegos nas súas edicións de 1993 ao 2000.
      Asimesmo, González-Millán editou diversos traballos sobre a narrativa galega contemporánea: Silencio, parodia e subversión: cinco ensaios sobre narrativa galega contemporánea (1991), A narrativa galega actual (1996) e Literatura e sociedade en Galicia (1975-1990) que viu a luz en 1994. En 2000 publicou un libro de investigación: Resistencia cultural e diferencia histórica e un ano despois, O dicionario enciclopédico de Eladio Rodríguez: a canonización lexicográfica da literatura galega, estudo centrado na faceta lexicográfica do poeta ourensán.
      A morte inesperada nun tráxico accidente de circulación, acontecido en novembro de 2002 en Nova Iorke, impediu que o crítico galego puidese concluír o seu último traballo, un artigo de homenaxe ao escritor Carlos Casares.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega