Xoán Xesús González

(1895 - 1936)

 

 
Obras
Biografía
 
mb3xoanxesusglez.html

     Xoán Xesús González Fernández naceu en Sevil, aldea da parroquia de Cequeril, no Concello de Cuntis, en 1895. A modesta condición social da súa familia fixo con que desde moi novo combinase a súa formación cos traballos do campo. Concluídos os estudos primarios na súa aldea natal, trasladouse a Santiago de Compostela, onde comezou Maxisterio, traballo que exerceu durante algúns anos e que abandonaría, posteriormente, para cursar Dereito. Na década dos trinta, entra en contacto co ámbito da cultura através da relación con diversos intelectuais galeguistas como Bouza Brey, Mesejo Campos, Cotarelo Valledor, Xermán Prieto...
     Desempeñou simultaneamente a docencia e o xornalismo, faceta, esta última, que cultivou intensamente ao longo da súa vida.
     Colaborador nos xornais El Compostelano, La Zarpa de Ourense, A Nosa Terra da Coruña e nos vigueses El Pueblo Gallego e La Concordia. En 1933, fundou e dirixiu o quincenario Amañecer. Ao igual que Álvaro das Casas, Carvalho Calero, García Barros ou Fernández del Riego, o autor cuntiense fixo parte da Sociedade de Escritores Galegos.
     En 1931, xunto con Arturo Cuadrado, creou a libraría e Editorial Niqué coa que comezaba un prometedor proxecto cultural e galeguista.
     Nas primeiras décadas do século XX participou activamente no movimento agrarista e desempeñou un intenso traballo na fundación de sociedades e sindicatos agrícolas, organizando diversas manifestacións reivindicativas. Despois de abandonar a súa filiación ao PSOE, constituíu en 1931 a Unión Socialista Galega, partido de carácter nacionalista.
     A súa produción literaria inclúe o xénero ensaístico, teatral, narrativo e, en menor medida, poético. Como ideólogo publicou Regionalismo, nacionalismo, separatismo (1933, Nós), "En pé campesiños", estudo que reflicte o seu posicionamento a respeito do tema agrario, e "Hacia una morfología de la vida gallega" (1925). Como narrador coñecemos tres novelas de ambiente compostelán, dúas breves na Colección Lar —Ana María (1925) e A filla da patrona (1926)—, e unha terceira —A modelo de Asorey— editada por Nós en 1933.
     Canto á súa actividade dramática, en 1922  —ano en que Xoán Xesús González ingresou no cadro de declamación galego creado na Universidade— foi encenada a súa peza Carmiña no Teatro Principal de Santiago, a cargo do grupo de teatro santiagués La Raza.
     Perante a difícil situación do teatro durante a dictadura de Primo, houbo diversos intentos de creación dun teatro en galego, entre eles o de Xoán Xesús González, que en 1926 decide facer un chamamento ás mulleres através da imprensa para solicitar a súa participación na constitución dunha compañía a cambio dun salario; infelizmente, a mensaxe foi distorsionada e malinterpretada e non chegou a prosperar.
     A súa produción poética redúcese a unha única obra, Agarimos (1921), coñecida polo subtítulo de Versos da y-alma.
     Tras varias décadas de loita en defensa da lingua, da cultura, dos dereitos de Galiza, da igualdade e da República, o día 12 de Setembro de 1936 Xoán Xesús González Fernández foi fusilado por un grupo de falanxistas en Santiago.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega