vb1xohanatorres.html
Xohana
Torres naceu en Santiago de Compostela en 1931. Viviu a súa
infancia en Ferrol, cidade á que se mantén afectivamente
vinculada e onde, como discípula de Ricardo Carvalho
Calero,
entrou en contacto co mundo do teatro. Reside en Vigo, escenario
en que se desenvolve a súa única novela Adiós, María
(1970).
Poeta, narradora e dramaturga,
Xohana Torres é unha referencia obrigada na historia da
literatura galega da segunda metade do século XX. Forma parte
daquelas xeracións de escritores que, comprometidos coa lingua
nos difíciles anos da dictadura franquista, contribuíron á
normalización da literatura galega tocando todos os xéneros.
Como poeta está integrada na
denominada "Xeración das Festas Minervais"; como
escritora dramática no "Grupo de Enlace " e, como
narradora, os críticos discuten se a súa preciosa novela forma
parte ou non da "Nova Narrativa".
Sexa como for, e fóra de calquera
etiquetaxe clasificatoria, a obra de Xohana Torres é dunha
calidade indiscutíbel, calidade recoñecida co Premio da
Crítica, en 1980, polo poemario Estacións ao mar.
|